Fotos de Afonso Conde
O Estudio AldeaGlobal de Bamio (Vilagarcía) encheuse este domingo de música, amizade e lembranzas para celebrar o décimo aniversario de Tatán Chapeu, o traballo discográfico co que o actor e titiriteiro de Redondela Eduardo Rodríguez Cunha, Tatán, amosou tamén a súa faceta como cantante e compositor.
O concerto, celebrado no mesmo espazo no que se gravou o disco hai dez anos, reuniu familiares, amizades, seguidores e numerosos artistas vinculados ao mundo da música, do teatro e dos monicreques. Foi un encontro íntimo e próximo no que se repasaron as cancións que conforman o álbum e que serviu tamén como homenaxe ás persoas que fixeron posible aquel proxecto.
A velada estivo marcada polo carácter colectivo da celebración. Tatán estivo acompañado por músicos e voces como Pablo Vidal, Rafa Otero, Sérgio Tannus, Sabela Dacal, Andrés Giraldez, Clara Pino, Uxía, Blanca Francés, Ana Senlle, Chus Domínguez e Carlos Blanco, entre outros participantes. O resultado foi, segundo os asistentes, “un concerto sinxelo e especialmente entrañable, no que non faltaron os momentos de humor”.
Carlos Blanco foi o encargado de presentar o encontro, achegando a súa habitual retranca a unha noite na que público e artistas acabaron compartindo cancións. A celebración rematou cun ambiente festivo, con boa parte dos asistentes participando activamente e acompañando as interpretacións.
Tatán Chapeu naceu en 2016 como un proxecto musical no que Tatán puxo voz e letras a unha ducia de cancións inspiradas no seu propio universo artístico e vital. As composicións e arranxos contaron coa colaboración de Pablo Vidal e Uxía, mentres que nas letras tamén participaron Magín Blanco e Carlos Blanco.
O disco reuniu ademais unha ampla colaboración de músicos galegos, entre eles Isaac Palacín, Alfredo Teixeira, Alberto Vilas, Felipe Castro, Manu Paino e Sérgio Tannus. Nas voces participaron Uxía, Blanca Francés, Chus Domínguez, Ana Senlle e Carlos Blanco. O proxecto chegou a ser finalista dos Premios Martín Códax da Música en 2018.
Dez anos despois da súa publicación, o propio encontro deixou aberta a porta a novos concertos e reunións arredor de Tatán Chapeu.











