Foto: Imaxe de arquivo do Tardeo organizado polo PP no 2025
Os populares teñen previsto reunir centos de persoas no Pazo de Petán este venres a partir das 18.30 horas nun Tardeo de Fin de Verán, un acto no que intervirán o voceiro municipal, Javier Bas, a secretaria xeral, Susana Cabaleiro e o presidente provincial e da Deputación, Luis López. Un acto que “está concibido para activar a panca do cambio de cara ás eleccións municipais de maio”.
Durante este encontro, o PP de Redondela ten previsto trasladar aos asistentes o traballo realizado dende a oposición ao longo dos máis de tres anos de mandato e presentarán as súas primeiras propostas para executar no mandato 2027-2031 no caso de recuperaren a alcaldía e que están orientadas a “darlle a volta ao noso municipio como un calcetín”.
A menos dun anos de cara as eleccións municipais a secretaria xeral dos populares de Redondela, Susana Cabaleiro salienta que “este encontro é moi importante para o futuro de Redondela, porque nel arranca un curso político decisivo para o cambio urxente, necesario e histórico que precisa o noso pobo, porque Redondela non pode seguir así, con este clima de deterioro. E é importante que os veciños participen porque o cambio está exclusivamente nas súas mans, a decisión correspóndelle a eles e queremos que outorguen a súa confianza maioritaria ao proxecto serio e ambicioso do PP”.
Os populares teñen confirmada a presenza de centos de persoas no Pazo de Petán desde as 18.30 horas para asistir a un acto que contará coa presentación a cargo da propia Susana Cabaleiro e as intervencións do voceiro municipal, Javier Bas, e do presidente provincial do PP e da Deputación de Pontevedra, Luis López, para posteriormente compartir un viño galego e un momento de contacto social e conversas.









