Hoxe é Xoves 10 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela prepárase para a gran festa do CAR: 279 atletas e unha carreira inclusiva

car carreira

O Club de Atletismo de Redondela (C.A.R.), coa colaboración da Concellería de Deportes, ultima os preparativos para unha nova xornada deportiva que se celebrará este sábado, 12 de setembro, coincidindo co XIV aniversario da entidade. A programación contará coa participación de 90 atletas repartidos en 18 equipos na V Contrarreloxo por Equipos e 189 participantes na VI Carreira Popular Infantil. Como principal novidade desta edición, antes da carreira infantil celebrarase unha Carreira Inclusiva, aberta a persoas de todas as idades e condicións, co obxectivo de favorecer a participación de toda a cidadanía.

A programación comezará ás 18.00 horas coa Carreira Inclusiva e, a continuación, disputarase a VI Carreira Popular Infantil, destinada ás categorías de base. Unha vez rematada a proba, terá lugar a entrega dos trofeos das categorías Sub-12, Sub-14 e Sub-16.

Ás 20.00 horas será a quenda da V Contrarreloxo por Equipos, que manterá o percorrido das edicións anteriores, cunha volta longa e outra curta ata completar unha distancia aproximada de cinco quilómetros. A proba contará con 18 equipos e 90 participantes, que competirán nas categorías masculina, feminina e mixta.

Ademais das tradicionais cestas gourmet, os primeiros equipos clasificados en cada unha das tres categorías recibirán un premio económico de 100 euros. Os segundos clasificados obterán un vale de 60 euros para material deportivo, mentres que os terceiros recibirán un vale por valor de 40 euros.

No caso da carreira infantil, os percorridos das categorías máis pequenas volverán discorrer polas rúas de Redondela, despois de que o pasado ano as probas se desenvolvesen na Alameda. A saída de todas as carreiras estará situada no paso de peóns diante da Casa do Concello.

A organización volverá apostar tamén polo ambiente festivo que caracteriza esta cita deportiva. Os participantes na contrarreloxo disporán de avituallamento con cervexa e cortador de xamón, repetindo a fórmula da pasada edición, mentres o club traballa na incorporación dalgunha sorpresa máis. Durante toda a tarde, a música correrá a cargo dun DJ.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará