Hoxe é Xoves 10 de Setembro de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O CD Choco inicia nova etapa

logo choco

O Club Deportivo Choco afronta a tempada 2026/27 cun novo proxecto. O club redondelán inicia unha nova etapa despois do descenso de Preferente e tras o relevo na directiva.

A nova directiva chegou ao club despois da dimisión en bloque da anterior xunta directiva que anunciou a súa saída en abril tras case tres anos ao fronte da entidade nun contexto marcado por tensións e conflitos internos. O proceso electoral culminou posteriormente coa constitución da nova xunta directiva.

Manu Ferradans, novo vicepresidente do CD Choco, explica que o actual equipo directivo está formado principalmente por persoas de Redondela vinculadas desde hai anos á entidade, moitas delas con fillos e fillas nas categorías inferiores. Segundo sinala, decidiron “dar un paso adiante” ante a situación que atravesaba o club e coa vontade de apostar polo seu futuro.

A nova xunta directiva está presidida por Miguel Salvador, que estará acompañado por Lara Lijo, como secretaria, e David Rodríguez, como tesoureiro. Completan a directiva, como vogais, José Cernadas, Óscar Blanco, Alejandro Ron, Óscar Figueroa e Omar Vilas.

Ferradans asegura que a nova directiva afronta o descenso “con naturalidade” e coa intención de iniciar un proxecto baseado na identidade local. A prioridade, explica, é que o Choco volva ser “o club que reflicta o sentimento da vila de Redondela”, cunha aposta clara pola xente da casa e polos xogadores e xogadoras formados no propio club.

Nese sentido, o novo vicepresidente evita marcar como obxectivo inmediato o regreso a Preferente. “O obxectivo é competir dando boa imaxe cada fin de semana e despois o campo decidirá”, considera importante non xerar expectativa que poidan acabar provocando frustración.

A estrea ligueira xa deixou os primeiros tres puntos en Primeira Galicia que, sobre o papel, debería ser asumible para un equipo con ampla experiencia en categorías superiores. O Choco impúxose por 2-0 ao AD Mosende este domingo no Campo Municipal de Santa Mariña.

Novo corpo técnico

O cambio non se limita á directiva. O club acometeu tamén unha importante remodelación da súa estrutura deportiva. Ferradans explica que a nova xunta quixo contar con persoas con experiencia e coñecemento do fútbol e do propio Choco, diferenciando claramente as funcións directivas das deportivas.

Un dos nomes propios desta nova etapa é Fernando Boubeta, novo coordinador do club e responsable tamén do primeiro equipo. Ferradans destaca a súa vinculación anterior coa entidade, onde xa desenvolvera durante seis anos diferentes funcións, e considera que era “a persoa ideal” para asumir este novo papel.

O cambio no corpo técnico foi, segundo o vicepresidente, “profundo”. A nova estrutura mantén aproximadamente un 30% dos adestradores anteriores, especialmente nas categorías de base, onde a directiva quere preservar o traballo de persoas de Redondela con experiencia e coñecemento do club.

A aposta pola base é unha das principais liñas de actuación. Esta tempada o CD Choco conta con 14 equipos, desde as categorías inferiores, e o obxectivo é continuar medrando.

Tamén terá un papel destacado o equipo xuvenil, que mantén a súa presenza na Liga Nacional. A maior parte do cadro continúa respecto da pasada campaña e tamén se mantén Dani Yañez como adestrador, mentres que varios xogadores que estaban no xuvenil deron xa o salto ao primeiro equipo.

O regreso do fútbol feminino, unha das prioridades

Entre os proxectos que a nova directiva quere recuperar está tamén o fútbol feminino. O Choco perdeu esta referencia hai anos e a actual xunta considera prioritario volver ofrecer unha saída ás nenas e mozas de Redondela que queren practicar este deporte sen ter que marchar a outros municipios cando medran de categoría.

“Formar un equipo feminino é outra das prioridades”, vicepresidente.

Entradas e abonos máis baratos para recuperar afección

Outra das novidades desta tempada afecta directamente á relación co público. A nova directiva decidiu reducir os prezos dos abonos e das entradas coa intención de facilitar que máis xente acuda ao campo municipal.

O abono xeral pasa dos 90 aos 60 euros, mentres que as entradas para os partidos redúcense de 10 a 5 euros. A medida responde, segundo Ferradans, á intención de converter o campo do Choco novamente nun lugar de encontro para a veciñanza.

A directiva asegura ademais que esta decisión non implica poñer en risco a viabilidade da entidade. Ferradans admite que o club debe reforzar os ingresos mediante patrocinadores e outros recursos, pero defende que a situación económica non pode recaer exclusivamente sobre os socios nin impedir o acceso ao fútbol base ou aos partidos do primeiro equipo. Asegura, neste sentido, que o Choco afronta a campaña con garantías para cumprir cos seus compromisos.

Desde a nova directiva trasladan unha mensaxe de tranquilidade. Ferradans asegura que a entidade é solvente e que poderá facer fronte aos compromisos desta tempada.

A nova directiva quere así pasar páxina e centrar os esforzos no futuro. Ferradans agradece o traballo realizado pola anterior xunta e evita entrar en polémicas sobre a situación vivida nos últimos meses: “Asumimos a situación e somos responsables de aí para diante”, sinala.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará