A Federación de Anpas confirma un regueiro de incidencias neste inicio de curso no transporte escolar. Hai queixas por demoras de dez ou quince minutos na recollida dos rapaces, pero tamén outras de maior relevancia, con nenos que quedaron sen recoller ou atrasos de máis de media hora. Unha situación que fai temer ás familias que os medios dispoñibles non sexan suficientes para cubrir con normalidade todas as rutas.
O presidente da Federación de Anpas, José Manuel Lago entende que o descoñecemento inicial dos itinerarios e das paradas por parte dos condutores pode explicar algunhas das queixas trasladadas polas familias, que alertaron de atrasos e demoras en diferentes puntos, así como de casos nos que algún neno quedou na parada sen ser recollido ou nos que faltou algún coidador. Con todo, tamén teme que noutros casos o problema responda a “unha mala planificación nas rutas ou que os medios existentes non dean para facer todo o servizo correctamente”
En todo caso, confía en que estes problemas se vaian subsanado nestes primeiros días e que respondan á falta de experiencia da nova empresa e dos seus traballadores, e non a un problema de maior calado.
Nas últimas horas usuarios deste transporte escolar confirmaron novas incidencias con rapaces que foron apeados do autobús en paradas que non lles corresponden.









