Hoxe é Sábado 30 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior contará cunha Aula de Estudo aberta os 365 días do ano

aula estudo soutoamior

A nova instalación, que abrirá neste mes de xuño, está situada na Antiga Escola de Romariz e contará cunha sala equipada con 18 postos de estudo, ademais de conexión wifi, baños, zona de descanso e acceso independente ao resto da instalación. A nova Aula de Estudo municipal permanecerá aberta os sete días da semana, de 07:00 a 01:00 horas, durante todo o ano e será un recurso destinado a facilitar á veciñanza un espazo axeitado para o estudo, a formación e a preparación académica nas mellores condicións posibles.

O alcalde, Manu Lourenzo salientou que “esta nova aula de estudo en Romariz vén dar resposta a unha demanda histórica da mocidade e do estudantado de Soutomaior. Queremos que todos os veciños e veciñas teñan acceso a espazos dignos, tranquilos e adaptados para estudar e formarse.”

Este novo servizo municipal está dirixido ás persoas empadroadas no Concello de Soutomaior maiores de 16 anos que estean a realizar estudos regrados ou non regrados. No caso de menores de idade, será necesaria autorización da persoa titora legal.

O acceso á aula realizarase mediante un código persoal e intransferible facilitado polo Concello unha vez presentada e aprobada a solicitude correspondente. O sistema de acceso está pensado para favorecer a autoxestión do espazo por parte das persoas usuarias, garantindo ao mesmo tempo a seguridade das instalacións.

Neste sentido, o espazo conta cun sistema de videovixilancia conectado en tempo real coa Policía Local de Soutomaior e coa empresa de seguridade encargada do servizo. Ademais, persoal municipal autorizado poderá realizar revisións periódicas para comprobar o correcto funcionamento da aula e o cumprimento das normas de uso.

As solicitudes deberán presentarse a través da sede electrónica municipal mediante instancia xeral, achegando a solicitude correspondente e copia do DNI da persoa usuaria e, se é o caso, da persoa representante. As inscricións poden realizarse na sede electrónica municipal.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará