Hoxe é Sábado 18 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Trail Entre Castelos reunirá 800 personas entre Soutomaior e Sobroso e suma a Pablo Dapena ao seu programa

trail1

A Deputación de Pontevedra organiza esta fin de semana o Trail Entre Castelos Rías Baixas. O programa arrancará na mañá do sábado coa recollida de dorsais no Castelo de Soutomaior e unha sesión de actividades infantís, o trail no que participan 75 nenas e nenos e a conferencia do triatleta Pablo Dapena. Pola súa banda, o domingo arrancará ás 10:00 horas o trail desde o Castelo de Sobroso, con 500 persoas inscritas e unha andaina arredor do Castelo de Soutomaior na que se darán cita outras 200 persoas.

Entre as 11:00 e as 18:00 horas do sábado, no Castelo de Soutomaior, terá lugar a xornada de recollida de dorsais para as persoas participantes. A partir das 15:30 horas comezarán nos seus xardíns unha sesión de actividades infantís que abrangue desde pintacaras, ata obradoiros de pintura ou diferentes xogos como o de lanzamento de aros, en raia, carreiras de sacos ou o do ovo e a culler. Posteriormente, ás 16:30 horas, arrancará o trail infantil onde nenas e nenos de entre 6 e 8 anos darán unha volta ao xardín francés e os de entre 9 e 12 anos percorrerán case un quilómetro na contorna do castelo.

Ás 17:45 comezará a charla do triatleta Pablo Dapena, quen explicará a súa traxectoria deportiva desde os seus inicios, ata as dificultades que atravesou, a evolución ata o alto rendemento e os logros acadados. Dapena tamén relacionará deporte con saúde, compartirá as aprendizaxes que trouxo consigo o deporte e concluirá cunha quenda de preguntas e consellos.

Pola súa banda o domingo ás 10:00 no Castelo de Sobroso dará comezo o trail de 26 quilómetros que unirá este recinto histórico co de Soutomaior nun percorrido que atravesa paraxes de gran valor paisaxístico e histórico como o castro de Troña, o río Tea ou a Serra do Galleiro. Tamén o domingo, pero desde Soutomaior, terá lugar a andaina: un percorrido circular de 8 quilómetros e desnivel moderado polos montes que rodean o castelo. Os premios entregaranse no Castelo de Soutomaior ás 14:30 horas.

O trail “Entre Castelos Rías Baixas” é unha proposta única en España que conectará a través dunha carreira a pé de case 26 quilómetros as dúas fortificacións de titularidade provincial, o Castelo de Sobroso, en Mondariz, e o Castelo de Soutomaior. Unha proba deseñada para o desfrute en familia, que une deporte, patrimonio e promoción do territorio e ofertará unha fin de semana chea de actividades na provincia de Pontevedra.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará