A parroquia celebra este sábado 18 nun gran encontro veciñal coa esencia da Feira de Abril. Unha cita festiva que arrancará ás 12:00 horas con sesión vermú, xantar popular e as actuacións de Mala Herba, Dyfeixón, Alma Flamenca e o Coro Rociero da Casa de Andalucía.
Baixo o nome de Festa Andaluza, o Centro cultural de Vilar acolle este sábado unha xornada de convivencia inspirada na tradicional Feira de Abril e pensada para fomentar o encontro entre a veciñanza a través da música, o baile e a gastronomía.
A cita dará comezo ás 12:00 horas cunha sesión vermú e degustación de mexillóns ao vapor, abrindo un espazo de encontro distendido e festivo para compartir entre familias, amizades e veciños.
Un programa que inclúe tamén un xantar popular no que é preciso inscribirse previamente.
Xa pola tarde haberá actuacións musicais e de baile, propostas aberta ao público en xeral que inclúen a actuación de Mala Herba, Dyfeixón, o grupo de baile Alma Flamenca e o Coro Rociero da Casa de Andalucía, ofrecendo unha combinación de música tradicional, flamenco e espectáculo en directo.
A festa continuará durante a tarde coa sesión de DJ Anhell, que achegará unha proposta innovadora con música flamenca versionada a techno.
Desde a organización destacan que esta iniciativa busca converter Vilar de Infesta nun punto de encontro para a convivencia, a cultura e a participación social, reforzando os lazos veciñais a través dunha celebración aberta e integradora que ademais dun ambiente festivo nos acerque a outras expresións culturais.









