Fotos: Roberto Solano
A tradicional Queima do Berete, precedida por unha tirada de fogos de lucería, puxo o punto e final a un Entroido que se prolongou máis do habitual na nosa contorna debido a que esta última cita celebrouse unha semana despois do previsto tras ser adiado polo mal tempo. Unha situación meteorolóxica espléndida permitiu que a veciñanza de Chapela e contorna saíra a rúa para despedir o Carnaval e acompañar ao berete na súa última viaxe.
Centos de persoas ateigaron as beirarrúas da Avenida de Vigo para despedir o Entroido. Unha lenta comitiva de comparsa acompañou ao berete dende o Alto da Encarnación ata a praia de Arealonga. Comparsas moitas delas da propia parroquias como as elaboradas polas Anpas dos Centros educativos, asociación culturais, os clubs deportivos… nun ambiente máis familiar e onde o humor foi o principal ingrediente. Non faltaron tampouco algunas formacións chegadas doutros puntos da contorna, como Andaina do propio concello de Redondela ou Comparsas de Mos ou Vigo entre outras, que animaron a xornada cos seus bailes, carrozas e música.
Unha vez na praia a despedida do Berete chegou precedida da tamén tradicional tirada de fogos de artificio e, de seguido, o peixe foi pasto das lapas pechando así oficialmente o Entroido deste ano.





