Fotos: Fon Conde
Ao berro de “Altri Non” centos de persoas participaron este domingo nunha concentración convocada a través das redes por diferentes colectivos veciñais e sociais encabezados por Artelixo para clamar contra a instalación de Altri en Palas de Rei así como manifestar o seu rexeitamento á resolución ambiental da Xunta, que se daba a coñecer o venres, e que supón dar o visto bo ao proxecto para construír unha fábrica de celulosa e fibras téxtiles no concello lucense.
Dende o Colectivo Artelixo entenden que son precisas accións máis contundentes e numerosas “ante a conivencia da Xunta de Galicia co proxecto empresarial” que, ao seu entender, suporá unha “irreparable catástrofe para a natureza e a vida da Galiza”.
Lembrouse tamén que as tres factorías coas que Altri conta en Portugal son “sancionadas reiteradamente por varios episodios de contaminación” e que o complexo que está previsto instalar en Galicia ocupará un espazo “dez veces maior que o que ocupa Ence en Pontevedra”.
Na rolda de intervencións leuse o manifesto común a todas as convocatorias de Galiza elaborado pola Plataforma Ulloa Viva onde destacou a denuncia ao que aconteceu a nivel administrativo “e que as normas foron axeitándose ao proxecto garantindo que saíra adiante a toda costa. No caso de Altri non son os proxectos os que deben axustarse ás normativas ou estratexias, senón xusto ao contrario. Múdanse as leis ou plans para axustalos aos intereses de Altri” revelou o manifesto.
A continuación procedeuse á lectura do manifesto de ArteLixo no que se fixeron referencias a devastación ecolóxica que supón e supuxo ENCE para a ría de Pontevedra e a eucaliptización de toda Galicia e advertindo que ALTRI é unha celulosa moito maior e devastadora. Tamén destacou que “o ‘lobby’ ao que recorreu ALTRI para tramitar o seu proxecto perante as administracións españolas é Acento Public Affairs, que lideran os exministros José Blanco, exsecretario de Organización do PSOE e Alfonso Alonso, expresidente do PP do País Vasco. Este lobby ‘conseguidor’, Acento Public Affairs, logrou que a Xunta de Galicia escollese o proxecto de ALTRI como unha das iniciativas susceptibles de financiamento a través dos fondos Next Generation da Unión Europea -podería recibir máis de 250 millóns de diñeiro público, o 30% do investimento inicial- declarándoo proxecto estratéxico e de utilidade pública para Galicia”.
Lembraron tamén nas súas intervencións os efectos devastadores para o río Ulla e as comarcas que percorre, non só pola enorme cantidade de auga que precisa para o seu funcionamento, senón tamén porque devolverá boa parte desa auga a unha temperatura de 27% graos. Tamén alertan do incremento da eucaliptización dos montes galegos para dar servizo a esta nova empresa.
Entre os asistentes estaban tamén representantes das forzas políticas. Tomaron a palabra, ademais de veciños e veciñas a alcaldesa Digna Rivas, o portavoz do BNG, Xoán Carlos González e o edil de AER, Roberto Villar para denunciar as consecuencias medioambientais que suporía a posta en marcha da macrocelulosa.
Na concentración chamouse tamén a participación na manifestación convocada para o próximo sábado día 22 ás 12:00 na Pobra do Caramiñal.



