Co gallo do Día Mundial da Radio, celebrado este 13 de febreiro, as Bibliotecas de Redondela anunciaron o seu “Reto RadioLector” que permitirá aos participantes compartir as súas lecturas na Radio Municipal e participar no sorteo dun lote de libros.
Unha colaboración entre dous servizos públicos que busca promover a lectura a través da participación da veciñanza. Así, serán as voces dos usuarios e usuarias das bibliotecas as encargadas de falar do seu libro preferidos, dos seus autores de cabeceira, de cómo se iniciaron no hábito da lectura ou incluso criticar algún título que non foi do seu agrado… o obxectivo é falar de literatura e de libros e facelo a través da Radio.
Anima Mª José Villar dende a Biblioteca de Chapela a participar de xeito individual, en parella, en grupo e lembra que se facilitará a gravación (pode ser nos propios estudios da Radio ou por teléfono) e que cada intervención ou programa realizado suporá unha nova participación que entrará nun sorteo dun lote de libros ao finalizar o ano.
