Hoxe é Mércores 19 de Marzo de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

As pegadas do franquismo en Redondela

simboloxia1

O Colectivo Republicano de Redondela ven de solicitar ao goberno local que proceda a retirar a simboloxía franquista existente en diferentes igrexas e elementos da arquitectura local así como aquelas posibles condecoracións a persoas vinculadas co franquismo. Unhas demandas que están amparadas pola Lei de Memoria Democrática e que buscan retirar das rúas de Redondela os símbolos e actos que supoñen unha exaltación da ditadura.

Unha simboloxía franquista que segundo explica Juan Manuel Alfaya do Colectivo republicano pódese ver en dous edificios: a Igrexa de Santiago Apostol e a Igrexa de Vilavella con referencias ademais nas súas fachadas a José Antonio Primo de Rivera.

Súmanlle a estes dous edificios relixiosos o cruceiro que se atopa no illote de San Norberto (tamén chamado do Cobreiro), unha pequena illa ao carón de San Simón na que se instalou este monumento relixioso logo do afundimento dunha barca que regresaba da illa cara a Cesantes e que envorcou. No accidente, explica Pedro Vieitez, perderon a vida 43 homes que pertencían á garda de Franco. O cruceiro que se levantou nese illote en lembranza ao sucedido leva a inscrición “Camaradas da Guardia de Franco. Presentes. 1950-1958”.

Logo de 17 anos dende que se proclamara a primeira Lei de Memoria Histórica no 2007 entenden que xa é tempo de facer algo ao respecto “porque esta placas e estes monumentos supoñen un desprezo as vítimas e represaliados así como as súas familias que merecen, cando menos, a retirada destes símbolos”. Insisten en que na súa petición non hai revanchismo, “só queremos que se cumpra a lei”.

Instan tamén ao Concello que se investigue se houbo persoas condecoradas ou que recibiron algunha distinción por seren próximas ao franquismo e que se pescude tamén se hai sentenzas contra vítimas do franquismo para que sexan declaradas nulas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará