Convocados polos sindicatos CIG, CUT e USO e reunidos no Multiúsos da Xunqueira, o cadro de persoas de Nueva Pescanova amosou o seu rexeitamento á intención da empresa de negociar un convenio colectivo de grupo a nivel estatal que deixe sen efecto os convenios de centros de traballo (Arteixo, Chapela e O Porriño). Os sindicatos non descartan a convocatoria de mobilizacións.
Míasde 300 persoas achegáronse a esta primeira asemblea á que estaba convocado persoal da plantade Chapela afectado pola modificación do ámbito de negociación que pretende introducir a empresa e que vai afectar as súas condicións laborais.
A secretaria nacional da FGAMT-CIG, Dores Martínez critica tamén que os sindicatos estatais CCOO e UGT seguen a trasladarlle ás persoas traballadoras que os convenios de centro non se eliminarán no caso de que non se haxa acordo estatal. “Isto é mentira, porque do contrario non terían asinado comezar a negociación; e temos o convencemento de que xa teñen pactado os termos do convenio, até o punto de que CCOO e UGT sosteñen extraoficialmente que en tres meses haberá un convenio de grupo, cando este tipo de negociacións adoitan alongarse máis no tempo”.
Estas sospeitas acenderon aínda máis os ánimos das persoas empregadas de Pescanova, que durante a asemblea expresaron a súa dispoñibilidade a desenvolver mobilizacións para evidenciar o seu rexeitamento aos plans da empresa e a como se está a levar a cabo o proceso, sen consultar para nada coas persoas afectadas.