A escola de música de Chapela arranca cunha nova actividade que leva por nome Revive coa Música que nace co obxecto de ofrecer un espazo no que socializar, divertirse, mellorar o estado de ánimo e compartir. A actividade realizarase todos os venres de 11 a 12 da mañá na sede da escola nos baixo do pavillón de Chapela. As persoas interesadas poden participar de xeito gratuíto durante un mes inscribíndose na propia escola ou a través do teléfono 636124635.
A actividade parte das cancións que marcaron a vida dos participantes e propón lembrar e compartir eses temas empregando aqueles instrumentos cos que se acompañaban as cancións en días de festa. Pero tamén usar a música e bailes actuais abrindo así o abano de participantes a todas as idades. De feito, búscase que sexa unha actividade de intercambio xeracional de coñecementos.
Lembran dende este centro formativo que a música ten efectos positivos sobre a saúde, con beneficios tanto físicos como anímicos.