Reclaman ao goberno que execute de xeito inmediato as obras aprobadas nos consellos parroquiais de Vilar de Infesta, Cabeiro e San Esteban de Negros e nos que houbo consenso á hora de investir parte dos orzamentos participativos na mellora na pista polideportiva do colexio. Esixen tamén actuacións na contorna do Centro para garantir a seguridade viaria na estrada Portocabeiro.
A ANPA Porto Cabeiro, con representación nos consellos parroquiais de Vilar de Infesta, Cabeiro e San Esteban de Negros, asegura sentirse “indignada polo trato recibido por parte do goberno do Concello de Redondela no que aos consellos se refire” e denuncian o que cualifican de “mala xestión municipal por non levar a cabo as obras acordadas nestes consellos a cargo dos orzamentos participativos”. Concretamente fan referencia a un acordo para realizar obras de mellora na pista polideportiva do centro e que non se acometeu. Entenden que esta “deficiente xestión só leva a desesperación dos colectivos e a denigración e desprestixio dos consellos parroquiais”.
Ademais das obras acordadas a cargo aos participativos, referentes a dita pista, tamén esixen datas para a realización das obras de mellora da seguridade viaria na Estrada Portocabeiro e de humanización do entorno do Centro Escolar “obras que o partido político que ostenta a alcaldía comprometera en campaña electoral”.
A Anpa amosa a súa indignación polo trato recibido “especialmente tendo en conta que este proxecto se engadiu á longa lista de despropósitos derivados das malas xestións previas”. Poñen como exemplo o acontecido co PXOM “no que se incluíu un parque industrial ao lado do colexio sen considerar as repercusións que isto tería para a seguridade e o benestar dos nosos nenos e nenas. Ante esta situación, a ANPA esixiu a retirada desa área industrial na tramitación do Plan Xeral”. Ademais, engaden “queda en evidencia unha total falta de compromiso coa seguridade viaria, xa que aínda non se adoptaron medidas para garantir a seguridade nas vías de acceso ao centro, unhas deficiencias que se arrastran dende hai anos e que continúan sen corrixirse”.
A ANPA Porto Cabeiro anuncia que seguirá loitando polo benestar dos nosos rapaces e rapazas e pola mellora das infraestruturas educativas, e instan á Administración local que “tome conciencia do dano que esta xestión errónea causa e execute as obras de mellora da pista polideportiva acordadas nos consellos de maneira inmediata, así como as melloras na contorna”.
