A AP-9 sufriu na tarde noite de onte retencións importantes debido ao incendio dun vehículo ao redor das 19:00 horas. O sinistro produciuse tras colidir dous vehículos no inicio da ponte. Como consecuencia un dos turismo implicados comezou a arde o que obrigou a pechar dous carrís en sentido Pontevedra. Ata o lugar desprazáronse efectivos do parque de Bombeiros de Vigo que se encargaron de sufocar as lapas.
Un accidente que provocou importantes retencións con caravanas de máis de dous kilómetros, ata que a circulación quedou normalizada hora e media despois, sobre as 20:30 horas.
Afortunadamente o sinistro non deixou feridos pero si preocupante fume saíndo do capó do vehículo incendiado o que obrigou a mobilizar aos Bombeiros, Garda Civil de tráfico e o servizo de mantemento de estradas.
Accidente en Pantalla
Un accidente que se producía horas despois de que os servizos de emerxencias interviran na excarceración dun condutor que se saíu da vía co seu turismo na zona da Pantalla en Cesantes e quedara atrapado no interior do vehículo por unha perna.
Segundo información do 112 Galicia, o sinistro produciuse ás 3:00 horas da madrugada do domingo cando o condutor perdeu o control do coche que circulaba pola N-550 nas inmediacións da coñecida como curva da Pantalla. Ata o lugar desprazáronse Urxencias Sanitarias de Galicia, Bombeiros do Porriño, GES de Mos, Garda Civil de Tráfico e Policía local de Redondela.
Procedeuse a excarceración do ferido que foi trasladado a un centro hospitalario.