Hoxe é Mércores 19 de Marzo de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER acusa á oposición de enlodar a política

aer

As declaracións do BNG acusando ao concelleiro de AER de asinar facturas á empresa dun ex concelleiro da súa formación e a reacción posterior do PP, reclamando aos nacionalistas que actuaran en consecuencia e retiraran da alcaldía o goberno de Digna Rivas, xa teñen reacción por parte da Agrupación de Electores. Condenan as afirmacións do nacionalista Xoán Carlos González por “implantar en Redondela a política do lodo” ao tempo que critican ao PP “por avivar” unha polémica que fai referencia a unha factura de mil euros cuxo pago ambos partidos aprobaron.

Lembran dende AER que o debate xurde no último pleno cando “Xoán Carlos González lanza unhas graves insinuacións denunciando que o Concelleiro de Vías e Obras firmaba facturas emitidas por unha empresa na que traballa un ex-concelleiro de AER”.

Aclaran dende a formación política que se trata dunha factura emitida por unha empresa galega fabricante de luminarias que o Concello xa ven comprando dende os anos nos que gobernaba o PP de Javier Bas. “A factura que ao BNG lle parece un escándalo ten un importe de 1.000 + IVE e trátase dun subministro duns proxectores necesarios para substituír as luminarias que se instalaran no xardín ao carón dos Xulgados, factura que estaba supervisada por Intervención”.

Esa factura, que formaba parte dun recoñecemento extraxudicial de crédito de facturas pendentes  por valor de 800.000 euros, foi aprobada polo BNG mentres que o PP se abstivo “o quere dicir que, de xeito tácito, o PP tamén aprobou o pago desa factura”.

AER é especialmente crítico coa “posta en escena” do discurso do BNG. “Xoán Carlos González acompañou a súa exposición na que falaba de comportamentos moralmente discutibles cunha imaxe a todo color e de gran tamaño dos tres membros de AER aos que sinalaba como “chanchulleiros”. Lembran que o mandato iniciouse coas imaxes espalladas por toda a vila destes mesmos membros de AER nas que se lles chamaba vendidos por ter pactado co PSOE “agora é o que BNG o que recolle a infame práctica do sinalamento, especialmente infame cando están a sinalar a persoas que non teñen cargos públicos, que non están no Pleno e que, polo tanto, non se poden defender desas falsas acusacións”.

Conclúen os socios de goberno de Rivas acusando a ambos partidos -BNG e PP- de empregar a política do lodo “ao BNG correspóndelle o mérito de implantar en Redondela a política de “difama que algo queda”, esa política que pensabamos que era exclusiva da dereita e da ultradereita. Do PP, sinceramente, non esperábamos outra cousa, agás que forzas supostamente de esquerdas lle fagan o traballo sucio”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará