A Confraría de Redondela vés de renovar o seu innovador bosque mariño, un sistema que favorece a desova do choco e contribúe á súa reprodución. Este método, posto en marcha por primeira vez no ano 2017, consiste nun bosque de piñeiros mergullado baixo o mar nunha superficie de 6.000 metros cadrados, situada tras a illa de San Simón. A resina dos piñeiros facilita a adhesión das postas de choco, mentres que a súa frondosa follaxe protexe as crías de posibles depredadores.
Nos últimos días os mariñeiros traballaron intensamente para repoboar o bosque mariño. A primeira fase do proceso consistiu na recollida de piñeiros nun monte do municipio. Posteriormente, recuperaron as bases deseñadas especificamente para este fin, trasladáronas ao porto de Cesantes, onde instalaron os piñeiros, e finalmente leváronos á zona habilitada para a súa colocación no fondo mariño.
O proceso para obter os permisos necesarios comezou en novembro de 2024, e a finais de xaneiro a entidade conseguiu as autorizacións pertinentes para retomar esta iniciativa que se implementou por primeira vez no 2017 e foi replicada nos anos 2019 e 2011. O sector dedicado á pesca con trasmallos e nasas apoiou este proxecto, que ademais de potenciar a reprodución do cefalópodo, tamén beneficia outras especies ao proporcionarlles refuxio.
Nisia Otero Amoedo, patroa maior da Confraría e mariscadora de profesión, impulsou activamente esta iniciativa. Durante a última semana, traballou xunto cos pescadores de trasmallos e nasas para recuperar o bosque mariño na Ensenada, co obxectivo de aumentar as capturas de choco e mellorar os ingresos tanto do sector como da Confraría.
Esta renovación coincide co inicio da campaña do choco, na que a Confraría recuperou a tradicional poxa, que desaparecera hai catro anos, así como a venda directa ao público.

