A Asociación de veciños de Chapela convoca á veciñanza a unha asemblea que terá lugar este venres 7 ás 20:00 horas no local da asociación de veciños Agarimo co obxecto de determinar cales son os mellores lugares para colocar estes medidores comprometidos pola empresa Adif que buscan determinar o nivel de ruído e vibracións que padecen os veciños que viven na proximidade da vía. Unha mostraxe na parroquia que servira para avaliar medidas concretas para afrontar os problemas da contaminación acústica.
O colectivo veciñal fai un chamamento á veciñanza para que acuda a esta reunión na que se van adoptar decisións de calado que servirán para solucionar uns problemas que veñen denunciando dende hai anos en torno aos prexuizos que o paso dos trens, especialmente de mercadorías, causa as persoas que residen nas proximidades das vías. En concreto falan de contaminación acústica e vibracións que incluso teñen provocado problemas estruturais nalgunhas vivendas.
Logo dunha xuntanza do goberno local con responsables de Adif, a empresa pública adquiriu o compromiso de instalar equipos que faciliten unha medición real do ruído que o paso dos trens causa nas zonas afectadas. Na reunión de hoxe está previsto abordar cales serían os lugares máis axeitados para facer estas medicións xa que o trazado da vía cruza toda a parroquia, dende A zona industrial de Pescanova ata as Catro Pontes e afecta a un área densamente poboada.
Tamén se abordarán que medidas reclamar para minimizar os efectos destes ruídos e atallar o problema: colocación de pantallas acústicas, demandar que se substitúan as vías por outras que soporten mellor o paso dos trens… en definitiva, buscar a solución idónea consensuando as opinións veciñais.