Partido de preferente disputado en Santa Mariña que lle da aire aos choqueiros, que logo de seis longas semanas impuxéronse ao Atlántida de Matamá, un rival directo na loita por escapar dos postos de descenso.
Choco 2-0 Matamá
Partido moi igualado malia que os locais tiveron máis oportunidades de gol, sendo Marcos Torres o encargado de inaugurar o marcador no minuto 22.
Tras pasar por vestiarios os visitantes tentaron facerse co empate, pero as súas chegadas á portería de Cortegoso non xeraron perigo. Os redondeláns aínda sumarían un novo tanto a dez minutos do final cunha acción de Xián.
Na vindeira semana volve enfrontarse con outro rival directo, o Juvenil Ponteareas, situado un posto por riba do Choco na clasificación.
Primeira galicia
Arcade 1-0 Cordeiro
En primeira Galicia o Arcade lograba a vitoria pola mínima nun partido disputado en Soutomaior. Situado na cuarta praza da clasificación, na próxima semana xogan no campo do Flavia, equipo situado na metade da táboa.
Denia 3-1 Soutomaior
Peor lle van as cousas ao Soutomaior, que non foi quen de puntuar na súa visita ao campo do Denia.
Nunha complicada decimo quinta posición, tentarán sumar punto na próxima cita. Xogan na casa e reciben ao pechacancelas do grupo, o San Adrián.
Segunda Galicia
Vilar 0-1 Salvaterra
O Atlético de Vilar deixou escapar a oportunidade de sumar na casa. Caeu pola mínima ante o Salvaterra, nun partido que rematou co resultado de 0-1. Cuartos pola cola, na vindeira semana desprázanse ao campo do Colegio Hogar, sétimos do grupo.
Terceira Galicia
Roque Casablanca 2-0 Chapela
Os de Chapela CF sufriron un revés esta fin de semana cun 2-0 na súa visita ao campo dun rival directo, o Casablanca. Malia todo, os de Chapela mantéñense nunha tranquila novena posición e na vindeira semana xogan cun dos equipos fortes da liga, reciben ao Louro Tameiga, líder do grupo.
Cesantes 2-2 Montes
Na mesma categoría pero na liga de Pontevedra, milita o CD Cesantes que esta fin de semana tivo que contentarse cun reparto de puntos no partido disputado co Terra de Montes. Sétimos na táboa, a próxima cita será no campo do segundo clasificado, o Combarro.