Hoxe é Mércores 19 de Marzo de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O bosque comestible de Pazos dá os seus primeiros pasos

bosque comestible

Moreiras, castiñeiros, maceiras, plantas mediciñais e aromáticas, serán algunhas das especies que conformarán este bosque comestible que se creará nunha parcela de 4000 metros cadrados na contorna da Levada de Casqueiros no Concello de Pazos de Borbén. O proxecto, promovido polo Concello e financiado por Galicia Suroeste conta cun orzamento de 45.000 euros e permitirá recuperar un terreo infrautilizado que a medio prazo suporá un atractivo para veciños e visitantes.

A contorna da Levada de Casqueiros é o terreo elixido para poner en marcha este proxecto innovador que combina rexeneración ambiental con protección do patrimonio natural e da biodiversidade e un turismo sostible: un bosque comestible que será exemplo de equilibrio entre o desenvolvemento rural e o coidado da paisaxe. Asentado sobre un terreo de marcado carácter forestal, este bosque permitirá rexenerar unha parcela infrautilizada empregando ferramentas de agroecoloxía, permacultura e deseño hidrolóxico, recuperando a biodiversidade autóctona con especial atención a especies con potencial comestible que permitan a súa posta en valor para a promoción de novos produtos turísticos sostibles.

Luciano Otero, alcalde de Pazos de Borbén

O proxecto consiste en dotar a parcela de 0’4 hectáreas con diferentes árbores froiteiras e plantas aromáticas e mediciñas como moreiras, castiñeiros, sabugueiros, pereiras bravas ou maceiras serán algunhas das árbores que se sementarán na zona nas vindeiras semanas empregando o método Miyawaki, unha técnica importada do Xapón que busca crear bosques autosuficientes nun tempo máis curto que os métodos tradicionais de reforestación. Ademais todas as especies estarán micorrizadas para favorecer o cultivo de cogomelos.

O terreo xa está preparado e nas vindeiras semanas procederase á plantación das árbores. Unha iniciativa que afecta a unha parcela sen uso próxima a un roteiro de sendeirismo e de varias vivendas. Salienta o alcalde de Pazos, Luciano Otero, que a súa posta en valor permitirá impulsar o atractivo da zona así como manter limpa e en óptimas condicións este espazo.

O bosque comestible conta cun investimento próximo aos 45.000 euros, financiados integramente por Galicia Suroeste a través dos fondos europeos Next Generation.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará