A restrición do tráfico nas rúas Praza da Constitución, Telmo Bernárdez e Figueiral busca “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, fomentar a sustentabilidade e preservar o patrimonio histórico” en palabras do goberno local que se compromete a manter informados a negocios e comerciantes do Casco Vello que se poidan ver afectados polos cambios nestas rúas. O acceso estará permitido para os residentes, os vehículos de servizos públicos e as operacións de carga e descarga para o comercio.
A aparición de sinais en diferentes puntos do casco histórico de Redondela e na zona dos Eidos, maia estaren aínda cubertas con plásticos, xa anunciaban dende hai días o que vén de confirmar o goberno local: a peonalización das rúas Praza da Constitución, Telmo Bernárdez e Figueiral. Unha peatonalización parcial xa que o acceso estará permitido para os residentes destas rúas, que contarán cun sistema de identificación. Tamén poderán circular os vehículos de servizos públicos e permitiranse as operacións de carga e descarga para o comercio.
A restrición do tráfico nestas rúas do caso histórico busca “mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas, fomentar a sustentabilidade e preservar o patrimonio histórico” en palabras da alcaldesa, Digna Rivas, quen explica que peonalizar estas rúas é imprescindible “para reducir a contaminación e mellorar a seguridade dos peóns”. Este cambio vai reducir o risco de accidentes de tráfico nunha zona moi transitada e que forma parte do Camiño de Santiago. Por estas rúas pasan a diario non só os residente senón tamén milleiros de peregrinos e, malia que existe un semáforo, o tránsito non é seguro para os peóns.
Os concelleiros Rita Pérez, Roberto Villar e Antonio Cabaleiro celebraron o pasado luns unha reunión cos comerciantes destas rúas, aos que se informou do plan de ordenación para esta peonalización. A medida que se vaia avanzando no proceso irase dando conta tanto aos residentes como aos negocios de toda a información. A alcaldesa lembra que as restricións de tráfico no casco histórico comezaron xa en 2012, pero o sistema tiña moitas eivas. “Agora o plan para facer peonís estas rúas contémplase de xeito integral, con todas as garantías e cámaras de seguridade”, sinala Rivas, un cambio que insiste “non só é compatible coa actividade económica, senón que está demostrado que onde as rúas son peonís medran os negocios comerciais e de hostalería”.
A medida que vai adoptar o Concello de Redondela vai na mesma liña que desde hai anos seguen outros municipios da contorna con cascos históricos, como Cangas, Vigo, O Porriño, Baiona ou Tui.