Non o podía crer cando recibiu a noticia de que formaría parte da Selección Española de Fútbol. Para Zaira, unha moza redondelá de 14 anos, este foi un soño feito realidade, un premio ao seu esforzo e dedicación. Este logro non só marca un fito na súa traxectoria deportiva, senón que tamén reflicte o seu potencial para chegar á elite do fútbol feminino, un camiño no que xa hai moitos pasos dados.
Zaira comezou nos equipos base de Redondela, e nos últimos anos combinou o fútbol sala no Campito Chapela co fútbol no Valmiñor, ademais de formar parte da Selección Galega Sub-14, na que logrou entrar de maneira precoz, aos 12 anos. A súa traxectoria foi fundamental para acceder á convocatoria da nacional, e continuará xogando en ambas, xa que as correspondentes federacións coordinan horarios e datas para evitar solapamentos.
Agora, vestirá a camiseta da Selección Española Sub-14 como defensa, un posto que asume con orgullo e responsabilidade. Aínda que o seu é un logro individual, tamén é un triunfo colectivo, pois xunto con ela xogarán outras dúas xogadoras galegas, unha mostra do tremendo potencial das nosas deportistas, que, a pesar das limitacións de infraestruturas, en comparación con outras seleccións como a catalá, brillan na elite.
No seu día a día, compaxina as dúas seleccións co seu equipo no Valmiñor, equilibrando o deporte de alto nivel cos seus estudos de segundo de ESO e o lecer. A falta de tempo fixo que deixase o Campito Chapela FS, pero, lonxe de desmerecer os anos pasados alí, Zaira tivo palabras de agarimo para as súas compañeiras e o club, aos que agradece o seu apoio e os bos momentos compartidos.
Fóra do campo, a futbolista tamén se apaixona polos libros. A lectura, di ela, é unha práctica cada vez máis esquecida entre as novas xeracións, pero para Zaira é unha ferramenta fundamental para crecer como persoa, para aprender, para vivir outras vidas a través das páxinas.
A súa convocatoria para a Selección Española é un recoñecemento ao seu traballo constante e á súa progresión no fútbol feminino. Ao longo deste camiño, Zaira sente que “aprendeu e madurou”, e, aínda que considera que a tensión nas categorías inferiores non é tan alta como a que vén nas grandes citas, non esconde que é unha persoa competitiva, que se impón á súa propia presión de maneira san.
O próximo reto será no CESA Sub14 2025, en marzo, onde a Selección Galega loitará por chegar á fase final, tras lograr a clasificación para a fase ouro no último campionato de seleccións autonómicas. Un paso máis nesta historia de éxito e superación que está só comezando.
