O sindicato CUT amosa a súa confianza na posible remunicipalización do servizo de recollida do lixo en Redondela logo do acordo asinado entre o BNG e o PSOE e que debería ser unha realidade da cara ao 2027, ano no que finaliza o contrato asinado actualmente coa empresa Urbaser.
O representante sindical da CUT na empresa Manuel Iglesias Parada entende que a recuperación da xestiíon directa na prestación deste servizo por parte do concello sería beneficiosa para a administración, para os cidadáns e para os traballadores.
Tras reunirse cos dous partidos que asinaron o acordo, así como con representantes de PP e AER aseguran que non hai ningún grupo que estea en contra “só atopamos dúbidas por parte destes partidos que, malia amosarse a favor de que se remunicipalice o servizo, entenden que hai que estudar máis polo miúdo como se levaría adiante o proceso”.
Un cambio no servizo que entende sería beneficioso para o goberno, que pasaría a ter o control da recollida do lixo que actualmente xera moitas queixas polo seu mal funcionamento, como para a cidadanía, que contarían cun mellor servizo. Explican ademais que non ten que supoñer un custe maior apra as arcas municipais tendo en conta que actualmente a empresa que o xestiona está a sacar un beneficio.
Instan a que o goberno local dea os primeiros pasos antes de rematar o ano para axilizar a posible remunicipalización.
Trasladan tamén unha mensaxe de tranquilidade aos traballadores e traballadoras porque o concello faríase cargo da súa contratación tal e como recollen tanto os pregos de condicións cando se fan novos concurso como o propio convenio polo que se rexen estes traballadores.