Hoxe é Sábado 27 de Xullo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

400 persoas viviron o ascenso do Átletico Villar a Segunda Galicia

WhatsApp Image 2024-05-20 at 20.38.17 (1)

O CD Atlético Villar viviu este domingo no Campo de San Martín un momento histórico no que, despois dunha tempada con moitas complicacións loxísticas marcadas pola falta de infraesturas adecuadas e o roubo de material por valor de 2000 euros, demostraron a súa valía fronte o Moledo CF. Conseguiron a vitoria cun resultado de 7 fronte a 0 e sumaron os puntos necesarios para manterse no cuarto posto que supón o ascenso directo a Segunda Galicia.

O Campo de San Martín encheuse de afeccionados para apoiar ao equipo local. As 200 gradas dispoñibles estaban cheas e a xente tiña que colocarse onde podía para ver o bo facer no terreo de xogo do Villar. Conseguiron vender 500 rifas, coas que calculan unha presenza en torno ás 400 persoas. Os seus seguidores puideron presenciar un partido que controlaron dende o primeiro momento e no que os goleadores foron: Eloy Ricón Camiña con 3 goles,  David Olveira con 2 goles e Juan Carballido e Xurxo González cun gol cada un.

“Dependíamos deste partido para o ascenso directo”, Mon.

Ao remate fixeron unha gran festa co club e a que se uniu a veciñanza para celebrar a volta a Segunda Galicia do Villar. Ascenderan no 2018 a esta categoría e volveron a descender no 2022. Despois de dúas tempadas en Terceira Galicia volven a onde consideran “merecen estar”. Este era o obxectivo marcado dende o comezo da tempada e, a pesar das lesións que deixaron a plantilla en mínimos, grazas ao esforzo dos xogadores puideron conseguilo.

“Todo o pobo estaba no campo de fútbol”, Mon.

A tempada comezou máis frouxa e tiveron 2 meses con moitas baixas, o que fixo que tiveran que apertar cara a segunda volta. O adestrador Mon Sanromán fai un bo balance da tempada e explica que “sabían que podían conseguilo” e así o demostraron.

“Queremos manternos e afianzar esta categoría”, Mon.

O maior atranco que teñen é a situación na que se atopa o campo de terra que está igual ou peor dende que se fundou o club en 1969. A falta de infraestruturas axeitadas dificulta a achega de novos xogadores interesados no club impedindo que creza e incluso facendo perigar a súa existencia, pois non teñen categorías base que apoien ao sénior. Na seguinte tempada a intención é “captar novos deportistas da contorna para poder competir no nivel que esixe Segunda Galicia sen dificultades engadidas”, sinala Mon.

“Ademais do problema da situación das instalacións, súmase este ano os maiores custos que implica unha categoría superior”, Mon.

A tradición futboleira da parroquia de Villar púidose palpar o domingo no Campo de San Martín. Agora prepáranse para a Copa Terceira Galicia “con máis tranquilidade por ter conseguido o ascenso” e todas as vitorias que cheguen a partir de agora “serán unha alegría máis”, conclúe Mon.

“Unha vez máis agradecer a toda a xente que nos apoiou dende o momento e non se baixou do barco”, Mon.
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará