Hoxe é Domingo 19 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os títeres celebran as súas vodas de prata en Redondela con 28 compañías de ámbito internacional

titeres 2

O Festival de Títeres de Redondela celebra nesta edición os seus 25 anos de vida e faino cunha intensa programación que se desenvolverá dende o luns 13 ao domingo 19 de maio e que inclúe un total de 73 actividades da man de 28 compañías chegadas dende Mexico, Portugal, Italia, Alemaña ou Arxentina entre outras procedencias. Non faltará a música con Granujas a todo ritmo ou CantaTorrella nin as exposicións ou a Feira de Imposibles, unha instalación de xogos participativos na Praza de Ponteareas.

Unha programación que encherá a vila dos viadutos do mellor teatro e a mellor música do panaroma internacional. Así o anunciou o director do Festival, Luis Crespo na rolda de prensa na que estivo acompañado da concelleira de Cultura, Rita Pérez, o director da Axencia Galega das Industrias culturais (AGADIC) Jacobo Sutil, o Deputado provincial de cultura, Jorge Cubela e a alcaldesa Digna Rivas.

Crespo salientou entre as novidades desta edición o feito de que a programación de sala, que arranca o luns co italiano Filippo Marionette “colgando dun fío” estará centrada ata o xoves con espectáculos de carácter familiar, mentres que os espectáculos para adolescentes e público adulto será na fin de semana. Entre as citas a non perder destacou a proposta do arxentino Sergio Mercurio ou La chana teatro gañadora do premio Max ao mellor espectáculo para público familiar. Tamén o xigante “Aquiles” de 5 metros de altura ou as múltiples funcións de teatro de monicreques que encherán as rúas e prazas da vila na fin de semana. Explicaba Luis que haberá 13 escenarios na rúa para dar cabida a todas esas actuacións que cada día rematarán cunha actuación musical

Luis Crespo, director do Festival

Compañías como as galegas Xirapaus, Títeres Alakrán, Mircromina, Trécola, Viravolta, Paporrubio, e Tanxarina escenificarán os seus espectáculos nas prazas e rúas da vila, ademais de propostas de Mutis Teatro, de Castela-León; El Espejo Negro de Andalucía; Rui Sousa de Portugal ou os mexicanos de Grupo Saltimbanqui.

Ademais dos escenarios habituais, nesta edición instalarase o teatro portátil dos franceses de Théâtre Jaleo ao lado do palco da música, onde interpretarán ‘Edén’, unha peza de 60 minutos que mestura cabaré, nove títeres e os sete pecados capitais. Tamén os galegos de Teatro Ó Cubo, en coprodución co Centro Dramático Galego, escenificarán na Praza do Concello ‘De Vilatriste a Vilalegre’, unha montaxe desenvolvida nun peculiar escenario con rodas chamado A Utópica Rodante.

Unha programación que este ano tamén se achega a praza de Ponteareas coa instalación de Civi-Civiac “A feira dos imposibles” unha proposta de xogos de participación onde o público gozará dun mundo máxico onde nada é o que parece.

A concelleira de cultura, Rita Pérez facía un chamamento a que grandes e cativos se acheguen a unha cita que coloca o noso concello como un referente a nivel internacional facendo fincapé en que “Redondela non se entende sen o festival de títeres nin o festival de títeres se entende sen Redondela”.

Rita Pérez, concelleira de Cultura

Un festival cunha intensa programación escolar de luns a xoves que permitirá aos nenos e nenas do concello achegarse ao mundo dos títeres “os espectadores do futuro”, en palabras de Jacobo Sutil, quen salientaba o compromiso da Xunta cos festivais de artes escénicas “acción prioritaria nas nosas políticas, porque se trata de accións estratéxicas ao permitir aos galegos e galegas achegarse a espectáculos internacionais pero onde hai cabida tamén para grupos da escena galega”.

Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias culturais( AGADIC)

Dende a Deputación era Jorge Cubela quen comprometía o apoio do organismo provincial para un festival que “é patrimonio de Redondela, un revulsivo turístico e económico para a vila, unha das citas máis importantes do panorama cultural e turístico de toda a provincia”.

Jorge Cubela, Deputado provincial de cultura

A alcaldesa, Digna Rivas, facía referencia ao “carácter interxeracional do festival” lembrando que os nenos e nenas que hai 25 anos viñeron a esta cita agora seguen acudindo cos seus fillos e fillas

Digna Rivas, alcaldesa de Redondela

E para ir abrindo boca xa podemos achegarnos aos escaparates do comercio local onde se rende homenaxe a Títeres Alakrán amosando parte dos seus 20 anos de. Dende o pasado día 4, e ata o 26 de maio, estarán instalados os principais monicreques empregados pola compañía galega nas cristaleras de La Nube, Copy Redondela, Pastelería Filo, Café da Vila, Barbería Juan Crespo, Tien-21, Cal-3, La Imprenta e DiscoTasca, cunha instalación especial no antigo Kiosko Cocó.

Ademais, o polifacético artista redondelán ‘O Pastor’ presentaranos na sala de exposicións do Multiúsos da Xunqueira ‘Historia dun cartel’, onde amosará como foi desenvolvendo e compoñendo os 25 carteis e personaxes do Festival, nunha exposición que deixa ver o seu particular proceso creativo, e que se poderá ver do 10 ao 19 de maio de 17:00h a 20:00.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará