Hoxe é Xoves 2 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Beatriz Vázquez: “As traídas veciñais implican un compromiso medioambiental na xestión da auga”

a auga que trouxeron

Alberte Román e Beatriz Vázquez están detras do proxecto

A directora do audiovisual “A auga que trouxeron” reivindica un traballo “non sempre doado” pero que garante que moitas vivendas de toda Galicia teñan acceso a auga doce. Co obxecto de recoñecer esta labor a Cooperativa Trespés elaborou este documental con guión da propia Vázquez xunto co redondelán Alberte Román no que se analiza o pasado, o presente e se aborda un futuro complexo para as traídas veciñais de augas que deben facer fronte a distintas ameazas. O documental poderase ver este venres ás 20:30 horas no Multiúsos da Xunqueira da man da concellería de Infraestruturas e Sostibilidade.

Explica Beatriz Vázquez que a idea de rodar este documental nace co obxectivo de reivindicar o traballo comunitario que xurde na década dos 70 e os 80 en moitas parroquias do país co obxecto de garantir un sistema de abastecemento de auga autónomo adaptado ao noso territorio. Unha realidade propia de Galicia na que o traballo voluntario de veciños e veciñas fai posible que moitas vivendas do rural teñan auga doce e que sobrevive décadas despois malia os problemas económicos e de xestión co que se atopan estas traídas. Salienta neste sentido “o compromiso polo ben común” que hai detrás destas entidades que seguen a facer unha xestión autónoma da auga.

O documental quere ser unha viaxe na que se recollen os problemas aos que se enfrontan na actualidade estas comunidades ao tempo que reivindicar a súa función botando man de testemuños de persoas que traballaron na constitución das primeiras traídas.

Tamén se aborda a cuestión medioambiental, xa que detrás destas comunidades hai un compromiso de consumo responsable que non se atopa nas empresas que xestionan este recurso, ao tempo que denuncia “o complicadísimo traballo a nivel administrativo ao que teñen que facer fronte os comuneiros” xa que se lles esixe unha xestión equivalente á que fan empresas de gran tamaño que se encargan de  xestionar a auga en grandes cidades”.

A proxección do documental esta organizada pola concellería de Infraestruturas e Sostibilidade Redondela co gallo da conmemoración do Día Mundial da auga.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará