A parroquia de Quintela vivirá unha intensa fin de semana con dúas citas para todos os públicos: o sábado coa presentación do libro sobre a toponimia da parroquia no Centro Cultural ás 18:00 horas e o domingo durante toda a xornada coa celebración da IV edición da Corrida do galo.
O Centro Cultural acollerá na tarde do sábado ás 18:00 horas a presentación do libro de toponimia editado polo Concello e no que a filóloga María Pol López explica e trata de dar resposta ao significado e orixe dos diferentes microtopónimos que existen na parroquia. Un texto no que se recollen referencia tan concretas como a orixe do topónimo de Quintela “derivado da palabra quintá ou quinta” que se empregaba como unidade de medida dun terreo e no que se fala tamén do resto dos topónimos que nomean barrios, ríos, leiras, fontes….
Corrida do galo
Xa na xornada do domingo a cita será de carácter festivo coa IV corrida do galo que se desenvolverá durante todo o día con saída ás 9:30 dende “Acoutada” co típico percorrido polas casas. Haberá parada na Cultural para tomar o vermú e pola tarde continuarase visitando aos veciños.
O sorteo do galo terá lugar ás 20:00 horas e o remate da festa inclúe unha merenda con rosca e chocolate.









