Hoxe é Venres 3 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O proxecto A memoria da estirpe de Redondela chegará a outros municipios galegos

Proxecto Estirpe

O programa recompila testemuños orais e lembranzas das persoas maiores para a recuperación do patrimonio lingüístico, etnográfico, visual, musical e topográfico de Galicia. A partires do traballo feito no municipio redondelán, a Xunta de Galicia impulsará este proxecto noutros concellos galegos. O Centro de día para persoas maiores Hispanidade, en Vigo, e o centro O Salgueiral, do Barco de Valdeorras serán os primeiros en retomar a iniciativa que xa se desenvolveu no centro de Día de Cesantes e nos Cortizos .

O proxecto arrancou hai dous anos no centro de Día de Cesantes e este ano chegou aos Cortizos cunha valoración moi positiva por parte dos participantes. Unha iniciativa que permitiu gravar “un dos últimos carpinteiros de ribeira da ría de Vigo, que tiña o estaleiro en Cesantes” así como as vivencias de numerosas mulleres que “relataron a vida familiar en contextos de desigualdade e que nos serven para decatarnos dos progresos en materia de igualdade de xénero que se lograron” segundo salientou a alcaldesa, Digna Rivas quen aproveitou tamén para adiantar que o Concello creará un fondo local de patrimonio inmaterial, a partir de todo este material recollido nos centros de día e residencias de Redondela, “un arquivo que proporemos leve o nome de Dorothé Schubarth en homenaxe a esta muller e como exemplo”.

O proxecto presentouse aos usuarios do centro de día vigués nun acto no que participaron o director do centro Hispanidade, Pedro López Cadilla, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria, Antonio Acevedo Prado e a alcaldesa Digna Rivas Gómez xunto co responsable do servizo de Normalización Lingüística de Redondela Xurxo Martínez, quen sinalou que “os verdadeiros protagonistas desta iniciativa son as persoas maiores, as súas historias e vivencias”. O obxectivo é que todas esas historias poidan compartilas, a partir das gravacións, con todas as persoas que desexen coñecer ese importante legado “e facer un retrato colectivo dunha época do século XX.”

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará