Hoxe é Venres 17 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os Maios buscan flor baixo a chuvia nas horas previas á celebración

lendacoca

Asociacións culturais, veciñais, deportivas e grupos de amigos traballarán arreo na xornada de hoxe para ter a punto o seu Maio de cara a mañá. Logo de montar a estrutura en madeira e recoller o fiuncho, hoxe é o día no que se busca a flor que decorará esas composicións que este mércores se poderán ver baixo a carpa instalada no Campo da Feira. O concello decidiu trasladar a celebración a ese espazo ante a complicada situación meteorolóxica que se anuncia nas vindeiras horas.

Margaridas, calas, camelias, pampullos… hoxe toca apañar flor e decorar uns Maios que previamente serán ataviados con fiuncho, unha planta moito máis resistente e que xa foi recollida nos días previos. Laranxas e ovos forman parte tamén en moitos casos desa decoración que busca facer estas estruturas vexetais moito máis vistosas respectando sempre unha serie de materiais que se restrinxen aos establecidos nas bases.

Pepe Ferreira, maio Arela de Saxamonde

Na asociacións Arela, gañadores o ano pasado na categoría de Maio artístico cunha elaborada estrutura articulada que levaba por nome “A lenda da Coca”, son máis de 40 persoas, entre grandes e cativos, os que están a traballar nos Maios deste ano. Concursan na categoría de maio artístico cunha composición que leva por nome “Sen papeis”, da que prefiren non desvelar moitos datos e que de seguro sorprenderá mañá aos que se achegan a celebración deste ano.

Na categoría de Maio tradicional presentan o “Cono retranqueiro”, un cono de grandes dimensións que supera os cinco metros de altura. Unhas estruturas que polo seu tamaño obrigan tamén a unha coidada loxística para o seu traslado dende Saxamonde ao centro da vila.

Fano coa ilusión de levar algún premio, pero sobre todo, co obxecto de manter as tradicións e involucrar nesta festas aos máis cativos para que perviva no futuro.

En canto as coplas, malia que adoitan estar escritas polos maiores e que buscan reflectir con retranca os temas máis candentes da actualidade, cargando sobre todo na crónica política, son os nenos e nenas os que as interpretan. Memorizalas e cantalas sobre o escenario será o seu traballo na xornada de mañá.

Finalmente serán 23 os Maios a concurso ao que hai que engadir o maio presentado polo CAMP de Chapela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará