Hoxe é Luns 7 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O PP logra que o pleno reprobe á alcaldesa pola “nefasta xestión” do servizo de socorrismo

SOCORRISTAS

Os populares, que presentaron unha moción na que solicitaban que de cara ao vindeiro ano non se privatice o servizo dos socorristas e que se mellore o material a disposición destes traballadores e traballadoras, incluía entre os puntos da proposta a reprobación da alcaldesa polo que cualificaron de “nefasta xestión no servizo de socorrismo”. A reprobación saíu adiante ao votar a favor os concelleiros do PP e absterse o BNG, superando así os 9 votos populares aos 8 votos en contra de PSOE e AER.

 O pleno da corporación municipal de Redondela vén de reprobar á alcaldesa, Digna Rivas, por mor da súa “desastrosa xestión” dos servizos de socorrismo das praias durante o presente verán, segundo revelou o grupo municipal do PP.  Os votos a favor do PP permitiron aprobar esta censura formal da rexedora local pola “ineficiencia demostrada pola alcaldesa para ter en boas condicións os areais cos que conta o municipio redondelán, posto que a súa limpeza, vixilancia e seguridade foron desempeñados de forma precaria”.

Os populares, a través dunha nota de prensa, afirman que “o abandono e o nulo mantemento son unha constante, os equipamentos non foron os axeitados e, a maiores, produciuse o “vergoñento” episodio do despido dun traballador do servizo de socorrismo por denunciar estas queixas” e lamentan que “esta desfeita poña en risco ás familias de Redondela e aos milleiros de visitantes que acoden, lamentablemente cada vez menos por estes feitos, ás nosas praias pola desidia da alcaldesa e do goberno local”, aos que reprocharon que votaran en contra de todas as medidas solicitadas polo PP para mellorar o servizo de socorrismo e o estado xeral dos areais.

A formación que lidera Javier Bas insiste en que “vai seguir solicitando de xeito constante e recorrente a adopción de diversas melloras para vindeiras campañas estivais co obxectivo de reconducir os graves problemas que se produciron este ano”.

Neste senso, aposta por non privatizar no futuro o servizo de socorrismo, esixir respecto aos dereitos dos seus traballadores, renovar a caseta de vixilancia e dotalo de equipamento axeitado para garantir a seguridade, devolver as embarcacións ao servizo de Protección Civil e calquera outra que evite o deterioro das accións de protección de bañistas e usuarios.

Conclúe o PP que “a alcaldesa demostra constantemente, para prexuízo dos 30.000 veciños de Redondela, a súa incapacidade absoluta para gobernar e para que os servizos municipais funcionen axeitadamente, porque esta merecida reprobación do pleno non é ningunha novidade, xa que hai un ano tamén foi censurada pola corporación pola ineficacia coa que dirixiu e dirixe os Servizos Sociais”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará