Agrupacións políticas, colectivos como Paxaretas e veciños e veciñas a títulos persoal concentrábanse na xornada de onte ás portas do concello para amosar a súa repulsa por un novo asasinato machista, neste caso o que acabou coa vida de Vanesa asasinada pola súa exparella, un garda civil que xa fora detido no mes de abril e sobre o que pesaba unha orde de afastamento que incumprira ata en 56 ocasións.
“Esiximos medidas reais para frear os feminicidios” reclamaba Elena dende a Asamblea feminista Paxaretas lembrando que os asasinatos e as condutas violentas machistas están preto de nós “esta mesma fin de semana houbo un detido en Chapela tras agredir a súa exparella” polo que é necesario actuar con contundencia “sobre todo ante as novas correntes de machismo e misoxinia que están a calar na sociedade”.
“Compre unha revisión do que está pasando” afirmaba tamén dende paxaretas Carolina Sertal quen insistía na necesidade de cambiar as políticas e o comportamento social que perpetúa unha situación na que as vítimas sempre son as mulleres. Mulleres que son asesinadas mentres a sociedade mira cara outro lado.
Unha concentración na que estaban presentes representantes de todos os grupos políticos con presenza na corporación e na que interviña a alcaldesa en funcións, Digna Rivas para manifestar “a nosa máis enérxica condena ante este novo crime da violencia machista, unha grave vulneración dos dereitos humanos” e comprometía que o “concello de Redondela seguirá impulsando medidas para responder de xeito inmediato e contundente ante calquera agresión machista, atendendo de maneira prioritaria as vítimas”. Reclamaba tamén un maior compromiso de todas as institucións e da propia cidadanía para “non permitir a impunidade social dos agresores”.
Concentracións en repulsa por un novo asasinato, neste caso o que acabou coa vida de Vanessa, mentres se van coñecendo novas informacións sobre o seu asasino que esperou por ela toda a mañá ás portas do cámping de Oia e que empregou unha escopeta sen rexistrar e, polo tanto, era ilegal. Con todo, o máis indignante é saber que o 5 de abril pasado o asasino fora posto a disposición do xulgado de Violencia sobre a Muller de Vigo, tras a súa detención por unha denuncia interposta pola vítima. Nese momento acordouse a súa posta en liberdade, e unha orde de protección para a muller. Tamén que en menos de dous meses os axentes practicaran 56 intervencións para protexer a vítima nun caso cualificado policialmente de risco medio. Seguimentos, entrevistas e outras medidas que non evitaron o tráxico desenlace do pasado sábado, ás portas do cámping de Oia.
Segundo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, o asasino de Vanessa non levaba pulseira de control telemático porque ninguén o pediu. Unha ve máis ponse de manifesto os erros con consecuencias dramáticas na protección ás vitimas da violencia machista
A Delegación do Goberno contra a Violencia de Xénero confirmou este luns como crime machista este asasinato, o que eleva a 21 o número de mulleres asasinadas en España este ano a mans das súas parellas ou exparellas, dúas delas en Galicia.