Esta fin de semana na Praza de Ponteareas foi a presentación das embarcacións absolutas do CCD de Cesantes onde, a xa consolidada embarcación masculina, daba protagonismo á novidade deste ano. Todos os ollos estaban postos na primeira embarcación feminina absoluta do club que sairá á auga por primeira vez este 10 de xuño no lago Pontes de de García Rodríguez no marco da Presentación da Liga Galega de Traiñeiras.
Tras un gran traballo de captación de deportistas e crear unha sólida canteira, o club conseguiu en 2019 ascender coa traiñeira sénior masculina á liga A de Galicia, e tamén completar todas as categorías, desde alevín ata veteranos. Este ano, coincidindo co seu 40 aniversario, conseguiron formar a primeira traiñeira feminina formada por 19 remeiras e con Felipe Silva como adestrador.
A embarcación está formada por remeiras de do Grove, Moaña, Cesantes e Redondela. A conforman Silvia Úbeda, Amalia Solla, Carla Santos, Catia Puente, Patricia Penavella, Abigail Parada, Carla Otero, Elena Martínez, Ana Hermida, Clara Devesa, Estefanía Castro, Ariana Castro, Candela Cameselle, Olalla Bernárdez, Aroa Barreiro, Andrea Argibay, Nerea Dorna,Tecla Baz, Sara Fernández patroa e Damián Pérez como patrón. Estefanía castro, ou Fani, foi declarada a voceira da embarcación e conta que “o punto forte da equipa é a unión que teñen entre elas”.
Este fin de semana será o momento decisivo onde se medirán forzas co resto de embarcacións. Cando se lle pregunta á portavoz pola rivalidade coa embarcación feminina do CR de Chapela esta négaa apuntando “a boa convivencia que teñen entre ambos clubes”.
Durante o acto, houbo momento para reivindicacións e dende a directiva expresaban a súa insatisfacción ao ver como o club crece en número de socios, pero non conta coas infraestruturas necesarias á altura do que precisan para competir a niveis galegos.
O único freo que teñen para continuar con este ascenso son as instalacións, deficientes para un club punteiro no remo galego. Agradecen á Comunidade de Montes de San Pedro e ao seu principal patrocinador, Rodavigo S.A. , as axudas que fixeron posible comprar as traíñas das que dispoñen, bautizadas San Pedro e Illa de San Simón.
O 10 de xuño a partir das 16:30h no lago das Pontes de García Rodríguez, o lago artificial máis grande de Europa, competirán por primeira vez as mulleres do CCD Cesantes. Nesta presentación da Liga Galega A haberá 25 embarcacións, 7 delas femininas.

