Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Sancionan ao concello de Pazos por verteduras contaminantes ao río Louro en Nespereira

rio louro nesepreira

A Confederación Hidrográfica resolve un expediente por verteduras contaminantes ao río Louro cunha sanción de 3.465 €. Esta multa súmase a outras anteriores e, tal e como explican dende Alternativa vecinal por Pazos “pode non ser a última, xa que existen máis expedientes abertos por Augas de Galicia”.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil vén de sancionar ao Concello de Pazos de Borbén por verteduras contaminantes ao río Louro ao seu paso por Nespereira, así como por non dispoñer de arqueta de control. O expediente iniciouse tras detectarse valores superiores aos permitidos en varios parámetros en mostras tomadas en novembro de 2021. Posteriormente, unha inspección en maio de 2022 volveu a detectar emisións contaminantes, feitos que se acumularon ao expediente anterior e aumentaron a contía da multa.

O expediente aprecia, ademais, dúas circunstancias agravantes. Por un lado, un beneficio económico por “por non ter feito as inversións necesarias ou non efectuar o mantemento adecuado para eliminar o contaminante”. E, por outro, por poñer en risco “a seguridade das persoas, ao existir augas abaixo do vertido unha captación de 50 L/s de auga superficial para abastecemento a poboación de 50 persoas”.

En vista destes feitos que a Confederación dá por probados, o expediente resólvese cunha multa de 3.339,80 € e unha indemnización 125,97 € por danos ao dominio público.

Alternativa Veciñal denuncia, así mesmo, que a xestión do goberno local “empeorou a sanción, que se podía ter resolto cun pago de 1.500 €”. Nun inicio o expediente contemplaba unha multa de 2.500 € que podía quedar reducida a 1.500 € se o Concello asumía a súa responsabilidade e facía un pronto pago. Alternativa Veciñal critica que, en lugar de corrixir as emisións contaminantes e asumir a súa responsabilidade, o Concello presentou alegacións “sen ningún peso e sen posibilidades de éxito, dilatando a resolución e dando lugar a unha nova inspección e ao agravamento da multa”.

Esta sanción da Confederación Hidrográfica súmase a dúas sancións anteriores de 5.000 € de Augas de Galicia e “con toda seguridade non será a última”. Así, Alternativa Veciñal alerta da existencias “de cando menos máis tres expedientes abertos por Augas de Galicia, por verteduras ao Alvedosa en Amoedo, ao Gorgoreiros en Moscoso, e por desatender requirimentos”.

Á vista de todos estes feitos, Alternativa Veciñal considera que é innegable que “a nefasta xestión do Partido Popular estalle a causar graves prexuízos ao Concello, e isto non son especulacións ou esaxeracións da oposición par esaxeracións da oposición para atacar ao goberno, son feitos e cifras reais e coñecidas”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará