Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

San Simón acolle un encontro de creadores de Galicia e Portugal

illa san simón

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, participou na xornada de onte na presentación da cuarta edición do proxecto Nortear Ilustrado San Simón, unha residencia artística que se celebrará ata o sábado 1 de outubro na illa redondelá, co apoio da Xunta de Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades destacou a importancia de iniciativas coma esta, “que impulsan e fortalecen os xa estreitos lazos que existen desde hai séculos entre a cultura galega e portuguesa, neste caso concreto, entre os profesionais da ilustración e do deseño gráfico a unha e outra beira do Miño”.

Esta edición do encontro volve apostar pola convivencia entre creadores de diferentes xeracións e estilos artísticos. Baixo a dirección artística do prestixioso ilustrador David Pintor, protagonizan o encontro pola parte galega a ilustradora e deseñadora gráfica Uxía Pin (Lugo, 1980) e o deseñador gráfico, historietista e ilustrador Alejandro Viñuela Agra (A Coruña, 1979), coñecido artisticamente como Jano.

En representación de Portugal participan Cátia Vidinhas (Bragança, 1989), que se desenvolve nos eidos da ilustración, o deseño gráfico, o ensino e o cinema de animación, e Margarida Nóbrega (Vila Real, 1997), que representa a nova fornada de creadoras e ilustradoras do país veciño.

Os participantes compartirán tres xornadas de actividades co propósito de fortalecer o coñecemento mutuo do sector e producir obra plástica orixinal inspirada na illa e o vínculo desta coas Rutas Xacobeas a Compostela. Como resultado da súa estancia nesta residencia artística, producirán cadanseu caderno de autor, que se sumarán á colección de materiais xerados en anteriores edicións.

Ademais, estarán presentes 75 estudantes procedentes das Escolas de Arte e Superiores de Deseño Pablo Picasso da Coruña, Antonio Faílde de Ourense e Ramón Falcón de Lugo, que terán a oportunidade de coñecer de primeira man a traxectoria profesional dos creadores convidados e compartir con eles un espazo de conversa e debate.

Esta residencia artística encádrase no programa de intercambio cultural entre Galicia e Portugal Nortear, que ten como entidades promotoras a Xunta de Galicia, a Direção Regional de Cultura do Norte de Portugal e a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (GNPAECT), así como con representantes de Turismo de Galicia e de Turismo Porto e Norte.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará