Hoxe é Sábado 7 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER pide a creación dunha aula de educación medioambiental na finca da Xinaria en Chapela

fincaxinaria

A Agrupación de Electores leva unha moción ao pleno ordinario que se celebra este xoves ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira, na que demandan diferentes actuación para aproveitar este espazo para os cidadáns. Concretamente, a Agrupación de Electores solicita a recuperación de especies autóctonas e creación dun aula medioambiental na finca da Xinaria, espazo situado na parroquia de Chapela no que se sitúa o Colexio Igrexa e no que está previsto tamén unha futura escola infantil.

A agrupación propón varias actuacións para recuperar este lugar para a cidadanía. Por unha parte, a eliminación de especies invasoras e a reforestación dos noiros e espazos verdes das instalacións educativas. Asemade, a recuperación do Bosque de Ribeira nun espazo que linda co colexio e co Rego Maceiras, onde a día de hoxe aínda se conservan especies típicas dun bosque de ribeira galego. Dentro desta actuación AER propón, asemade, a reserva de 10.000 metros cadrados de finca para a realización dun proxecto de recuperación e arraigo de especies arbóreas e arbustivas autóctonas co fin de favorecer a proliferación do resto de especies vexetais e animais que representan o hábitat dun bosque de ribeira ben estruturado.

Neste mesmo espazo AER pedirá no pleno a creación dunha aula ao aire libre para actividades de educación medioambiental na zona da finca que linda coa Senda da Auga. En concreto, a proposta constaría dunha reserva de 2.000 metros cadrados na que se disporían mesas e asentos de materias naturais para que os centros educativos do concello poidan utilizalo de aula ao aire libre. Ademais, crearanse sendeiros polo resto da zona verde con paneis educativos sobre o bosque de ribeira e a conservación da natureza, podendo así impartir clases educativas nun espazo e natural de máis dunha hectárea.

A agrupación considera tamén que este novo espazo non se debería de restrinxir só a uso de centros educativos, senón que -cando estes non o utilicen- podería e debería ser promocionado para o uso da veciñanza, viandantes da Senda da Auga e peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, conformándose nunha oferta medioambiental adicional para Redondela.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará