Hoxe é Martes 19 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O BNG de Pazos de Borbén alerta da instalación dun segundo parque eólico no concello

EÓLICOS EN PAZOS DE BORBÉN

O primeiro dos parques afectaría ao Monte Buxel, Galleiro e Alto da Serra coa instalación de dez aeroxeneradores, unha torre meteorolóxica e unha subestación eléctrica. Un parque que se atoparía en trámite previo, o que significa que en breve sairá o proxecto a exposición pública e o período de alegacións. O segundo dos parques afecta principalmente os montes de Moscoso cun total de 8 muíños repartidos polos montes de Moscoso, A Ermida e Amoedo. En total instalaríanse no municipio 18 muíños de ata 170 metros de altura.

Pazos de Borbén atópase dentro dunha Área de Desenvolvemento Eólico (ADE) o que conleva que gran parte dos montes do concello son susceptíbeis de seren ocupados con aeroxeradores. O BNG da localidade amosa a súa preocupación porque “a día de hoxe son 18 muíños os que pretenden instalar no noso concello, e esta cantidade pode aumentar en calquera momento”. Outra das preocupacións e que estes aeroxeradores roldan entre os 140 e os 170m de altura o que implica un enorme impacto dende calquera punto do concello.

Para o responsábel local Xurxo Besadío “ é inadmisible que todo Pazos de Borbén sexa un gran parque eólico, co prexuízo que causaría as veciñas e veciños. Amais do gran impacto medioambiental, visual e do ruído cómpre destacar que pola dispersión dos núcleos en Pazos practicamente todas as parroquias se verían afectadas. Non menos importante serían os danos producidos nos montes para a instalación destes muíños, xa que sería necesario a apertura de grandes autoestradas para poder instalalos”.

O BNG aposta polas enerxías verdes e o autoconsumo, cun modelo consensuado en función das necesidades sociais e medioambientais. Un modelo que a formación nacionalista contrapón ao actual onde os intereses empresariais din “decantan as decisións do Goberno galego que pon os montes galegos a prezo de saldo para que as grandes enerxéticas do oligopolio estatal continúen espoliando os nosos recursos e enchendo os seus petos”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará