Agrupacións como a Plataforma en Defensa da Ría, Ecoloxistas en Acción e formacións como BNG e Galicia en Común consideran “totalmente inxustificado” o novo recheo que a Autoridade Portuaria está a construír no porto vigués. Tamén o alcalde vigués, Abel Caballero, amosou a a súa oposición a esta actuación. Trátase dun recheo de 8.300 metros cadrados que segundo os colectivos ecoloxistas “vai prexudicar a rexeneración natural do mar, afectando á pesca e ao marisqueo”. O presidente da Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, Serxio Regueira, advirte que este tipo de actuacións van deixar zonas do litoral “improdutivas”. Os prexuízos non se limitan á zona onde se fan os recheos, senón que se estenden a toda á ría, tamén ao litoral redondelán.
Alertan que existe outro recheo de maiores dimensións previsto para Bouzas, de 65.000 metros cadrados. Asegura Regueira que non é necesario, xa que o porto conta con espazo suficiente para todas as actividades relacionadas co litoral.
Para evitar os aterramentos propoñen o traslado a parques industrias de todas as actividades relacionadas coa loxística e a almacenaxe, que non precisan estar á beira do mar, co que se liberaría espazo para o traballo portuario. Lembra que polígonos como o de Salvaterra-As Neves e outras áreas industriais da provincia “están baleiras”.
O deputado de Galicia en Común Antón Gómez Reino interpelará ao Ministerio de Transición Ecolóxica sobre estes recheos que cualifica de “inxustificados”. Tamén o BNG, a través do seu deputado Néstor Rego, presentará unha iniciativa para reclamar ao Goberno a “inmediata paralización do recheo do Berbés”.