Hoxe é Venres 29 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Redondela contará cun servizo de interpretación de lingua de signos para facilitar as xestións ás persoas xordas

xordas

A colaboración do Concello coa empresa redondelá En lingua de signos, permitirá poñer en marcha outras medidas de inclusión para garantir por exemplo que todas as persoas xordas poidan acceder a actividades culturais, garantindo que todos os actos institucionais que sexan de especial relevancia contarán tamén con intérprete de lingua de signos. Programaranse ademais acción de sensibilización entre a cidadanía.

Coincidindo coa Semana Internacional das Persoas Xordas, a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, vén de anunciar a posta en marcha do Servizo Municipal de Accesibilidade en Lingua de Signos que sitúa a Redondela na vangarda dos concellos galegos en canto a igualdade de dereitos das persoas xordas e xordocegas no seu acceso á información e a comunicación.

Este servizo, xestionado pola empresa redondelá En lingua de signos ten por obxectivo achegar a administración local ás persoas xordas e avanzar cara unha sociedade máis inclusiva. Entre os servizos que se porán en marcha, destaca o servizo de interpretación de lingua de signos para calquera xestión ante a entidade local.

A partir de agora, as persoas xordas ou xordocegas de Redondela que teñan que facer trámites ou xestións en calquera departamento municipal, poderán solicitar (previa cita) a presenza dunha intérprete de lingua de signos que garanta o seu dereito de acceso á información e á comunicación.

Ademais do servizo de interpretación, o Concello quere achegar a Lingua de Signos á cidadanía con distintas accións formativas e de sensibilización que se irán programando ao longo do ano. O acceso á cultura é outro dos puntos fortes deste novo servizo, que pretende promover actividades culturais máis accesibles. Redondela tamén contará con interpretación de lingua de signos en todos os actos de carácter institucional que sexan de especial relevancia para a cidadanía.

O goberno municipal aposta así por ampliar dereitos ás persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva e tamén procura avanzar na súa inclusión social con accións e actividades dirixidas a toda a veciñanza.

Digna Rivas fixo fincapé na importancia da posta en marcha deste servizo xa que, asegurou, “a inclusión social de todas e todos é o único xeito de avanzar cara un futuro máis solidario, igualitario e xusto”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará