Hoxe é Martes 19 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Club de Remo Cesantes busca deportistas para as súas traíñas

RemoCEsantes

Animan a mozos e mozas a partir dos 16 anos a achegarse ao club e probar unha disciplina “que engancha”

O CCD Cesantes Rodavigo arranca a temporada 2021/22 cun cento de remeiros e remeiras de todas as categorías. Comezan os adestramentos e fano cun chamamento para animar á mocidade a que se sume a esta gran familia do remo de Cesantes. Sergio Vilas, da directiva do club, explica que o seu obxectivo é incrementar o número de deportistas de 16 anos en diante, tanto homes como mulleres. Buscan consolidar a canteira e asegurar o futuro da traíña, unha embarcación que precisa de 12 tripulantes máis o patrón ou patroa. Por iso é necesario contar cun mínimo duns 20 deportistas por barco “para suplir baixas por lesións ou compromisos dos remeiros”, sinala Vilas.

Sergio Vilas é membro da directiva co CCD Cesantes e adestrador do equipo veterano

No club teñen marcado un ambicioso reto para esta temporada que comeza: contar coa primeira traiñeira feminina de Cesantes. Hai un ano que un grupo de mulleres comezaron a adestrar no club, pero precisan de máis remeiras para poder participar na competición.

O club pretende competir este ano cunha traiñeira feminina

Desde o club animan á mocidade a “probar” no CCD Cesantes “sen ningún compromiso”, e aseguran que os que o fagan poderán coñecer de primeira man “todo o que este deporte ofrece”. Vilas, que tamén é adestrador do equipo de veteranos, destaca os valores que se transmiten neste deporte de equipo “que engancha”. O feito de estar no mar ao aire libre “é unha sensación que non ofrecen outros deportes” e necesítase “facer equipo cos compañeiros e moita compenetración para que o barco vaia ben”.

Vilas asegura que este deporte “engancha” porque ofrece moitos beneficios

O CCD Cesantes Rodavigo, que milita na máxima categoría do remo galego, na LGT-A, confía en seguir sumando éxitos coa incorporación de novos deportistas. Todos os interesados poden poñerse en contacto co club a través no teléfono 722.28.38.90, no correo electrónico ccdcesantes@gmail.com ou na web www.clubremocesantes.com.

Sergio Vilas pasou polos micrófonos de Radio Redondela para falarnos da nova temporada no CCD Cesantes
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará