Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Adeus a un grande do balonmán: fondo pesar polo falecemento de Fran Teixeira

franteixeira

A familia de balonmán está de loito logo de coñecerse o falecemento de Fran Teixeira, histórico adestrador do balonmán galego e estatal durante máis de 30 anos e protagonista indiscutible deste deporte na provincia e no noso concello, onde estivo ao fronte do banco do BM Chapela durante 14 campañas ininterrompidas. Hai tan só un mes o adestrador anunciaba a súa decisión de non seguir ao fronte do equipo para loitar contra un cancro que finalmente non puido superar.

Fran Teixeira falecía na xornada de hoxe despois de máis de tres anos de loita contra o cancro. Unha noticia que era recibida con fondo pesar no club de Chapela que amosaba a súa dor pola perda “dunha das persoas máis importantes do club, exercendo sempre unha labor impecable, dirixindo ao equipo nas súas mellores etapas e levándoo ao máis alto”. Trasladaban o seu ánimo e apoio a familiares e achegados pola perda dunha persoa “insuperable, inesquecible e eterna”.

Mostras de pésame tamén dende a Federación Galega onde lembran que “Fran Teixeira é balonmán en estado puro” facendo referencia a súa traxectoria deportiva, dende os seus inicios con tan só 15 anos adestrando a un equipo infantil de Santa Cristina ata os anos posteriores onde pasaría polo Lalín, Mercantil, Teucro, Chapela, Octavio, Gaia, Sporting de Lisboa para regresar ao Chapela, onde estivo ata o final, nesta última etapa xunto ao seu fillo Adrián. Un percorrido profesional que o levou a ser seleccionador galego en todas as categorías e a recibir no ano 2018 a medalla e insignia de oro ao mérito deportivo da Federación Española de Balonmán.

Un día triste para un deporte que “despide a unha persoa única e irrepetible, pero todos os que tivemos a sorte de coñecer a Fran Teixeira estamos orgullosos de ter a posibilidade de descubrir as dúas caras de Fran: a da persoa cariñosa, simpática e alegre na súa vida diaria e a do adestrador visceral, vehemente e apaixonado, no que se transformaba no banco”.

Dende o Concello de Redondela, a alcaldesa Digna Rivas amosaba o seu pesar pola perda “dunha persoa moi querida que como facía na cancha de balonmán loitou ata o último momento”.

Tamén a Deputación de Pontevedra expresou esta tarde, en nome da corporación e de todo o seu persoal, o pesar e as condolencias polo falecemento de Fran Teixeira. A presidenta Carmela Silva trasladou “todo o noso agarimo a súa familia e amizades” e lamentou a desaparición de Fran a que definiu como “un grande do balonmán, un grande defensor do deporte de base na Deputación e unha moi boa persoa”

Este mesmo verán Fran Teixeira recibiu na sede da Deputación en Vigo o recoñecemento das súas compañeiras e compañeiros da institución provincial nunha homenaxe ao que se uniu o mundo do balonmán, do deporte e do xornalismo, na que participaron xogadores aos que dirixiu, os presidentes das Federacións Española e Galega e compañeiros de adestramento.

este mércores ás 18:45 oficiarase unha misa no Vigo Memorial e será incinerado. O funeral será oficiado o xoves ás 20:30 en Carmelitas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará