Hoxe é Venres 6 de Decembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER despídese do goberno reafirmándose na súa decisión de abandonar o bipartito e sen descartar outras alianzas

AER despídese do goberno

Sabor agridoce é o que repiten os concelleiros de AER que o vindeiro martes 31 abandonarán as súas responsabilidades de goberno. Unha decisión que adoptaban hai aproximadamente un mes logo de que a alcaldesa decidise retirarlle as competencias da limpeza das praias ao edil de Medio Ambiente, Roberto Villar. Un movemento que supuxo un punto de non retorno entre as relacións dos dous grupos que formaban o bipartito.

O propio edil insiste en que en ningún momento se arrepentiron da súa decisión “adoptada por unanimidade de todos os membros de AER” ante un feito que nunca acontecera en Redondela. E traslada as responsabilidades da ruptura ao PSOE “que non soubo negociar coa agrupación”.

Roberto Villar, edil de Medio Ambiente

Sobre a súa actuación ao fronte do departamento de Medio Ambiente, e máis concretamente sobre a polémica xestión da retirada das algas, recoñece que quizais se cometeron erros “ao tratarse dun proceso innovador pero que se levou a cabo con valentía e co obxectivo de protexer un espazo incluído na Rede Natura”. Asegura que se corrixiron aspectos do ano pasado, cando practicamente non se facía recollida, a este verán co obxecto de buscar un equilibrio entre os bañistas e a protección do medio, polo que aínda lles sorprendeu máis “que da noite para a mañá e por presións se interferise no noso traballo”.

Recollida de algas e retirada de competencias

Tampouco se arrepinten de ter pedido a cabeza da alcaldesa como condición inexcusable para continuar no goberno “sempre estivemos en contra dos personalismos e estabamos dispostos a continuar co PSOE pero considerabamos que Digna Rivas non debía continuar ao fronte do goberno”.

Susana Couñago, cabeza de lista de AER

En canto ao futuro, non descartan pactos con outras formacións, “posibilidades hai” asegura Daniel Boullosa.

Boullosa despedirá da concellería de Cultura sen ter vivido unha Festa da Coca ou outros eventos por ter coincidido a súa andaina como responsable desta área cunha pandemia que obrigou a reducir drasticamente a programación cultural. Con todo, amosa a súa satisfacción por non deixar morrer esta programación malia as condicións impostas pola Covid e por ter recuperado como espazo de eventos culturais o Carballo das Cen Polas.

Daniel Boullosa, concelleiro de Cultura

Tamén se despide o martes Manuel Vila, responsable de participación cidadá e novas tecnoloxías, quen abandona o cargo despois de tan só 5 meses na corporación.

Manuel Vila, concelleiro de Novas Tecnoloxías e Participación Cidadá
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Unha resposta

  1. A xente que apostou por AER para configurar un novo panorama político, está desencantada na súa gran maioría. Ao non ter unha definición política estable que se preocupe das necesidades dos veciños, máis preocupados polos criterios persoais dos órganos directivos, que ata o de agora levo a unha pasividade total deixando ao PP gobernar ás súas anchas. Cando tiñan a oportunidade de demostrar que podían realizar cambios ao chegar a gobernar en coalición co PSOE, enfrascáronse nunha obstinación sen sentido, coaccionando ás persoas que lideran este goberno para que abandonen os seus cargos, para tapar a súa propia debilidade política. Non sabendo establecer puntos de confluencia abertos ao diálogo ordenado e coherente, para dar estabilidade a esta coalición. Proclamándose á súa vez vítimas das súas propias inaptitudes e carencias que veñen encostadas á súa inexperiencia política, onde tiñan cabida máis as decisións que viñan de fóra que as interlocucións que se producían entre os membros do equipo de goberno.
    Coas declaracións que realiza algún membro desta formación, demostran a certeza de que van máis unidos a unha política da dereitas, que a unha política progresista.
    Seguramente para as próximas eleccións paguen de forma definitiva a súa mala xestión política e social, desaparecendo como agrupación da política municipal.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará