Hoxe é Venres 11 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER pasará á oposición en setembro

FotoAER

A Agrupación de Electores anuncia que abandona o goberno local de Redondela logo da retirada de competencias ao concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar. A formación esixira a dimisión da alcaldesa, Digna Rivas, para manter o pacto de goberno co PSdeG-PSOE. O grupo socialista rexeitou esta opción e reitera o seu apoio á rexedora. AER lamenta que o PSOE non fixera ningunha proposta “para tratar de recompoñer o goberno de coalición”. A formación trasladou este mediodía a súa decisión tanto á alcaldesa como ao PSOE redondelán, e avanzan que haberá un “período de transición” dun mes. “Co fin de xestionar axeitadamente os proxectos iniciados, o abandono do goberno será efectivo a 31 de agosto, para dar tempo a ir pasando as competencias de Medio Ambiente, Cultura, Turismo, Novas Tecnoloxías, Transparencia e Participación Cidadá de xeito ordenado aos concelleiros do PsdeG-PSOE”, explican nun comunicado.

A crise de goberno comezou hai dúas semanas, o 16 de xullo, logo da decisión de Rivas de retirar as competencias da limpeza de praias ao edil de Medio Ambiente de AER, Roberto Villar. A diferencia de criterio entre os socios sobre a xestión da recollida de algas provocou esta situación. Ante o que AER considera unha “ruptura unilateral” do acordo de goberno, solicitaron a dimisión da alcaldesa, opción que foi rexeitada polos socialistas. Despois de quince días a Agrupación de Electores afirma que o grupo socialista “non fixo ningunha proposta para tratar de recompoñer o goberno de coalición”. En asemblea AER decidiu por unanimidade abandonar o goberno “pola perda absoluta de confianza no seus socios na corporación municipal”. “A impresión que temos é que Digna Rivas é unha inconsciente, que tomou unha decisión sen medir o impacto político da mesma”, sinalan no comunicado.

O PSOE, con 7 concelleiros, e AER, con 3, formaron goberno de coalición despois das eleccións de 2019. O bipartito goberna en minoría, con 10 dos 21 edís da corporación. Rivas foi investida alcaldesa co apoio dos dous concelleiros do BNG. O PP é o grupo maioritario con 9 edís.

Período de transición dun mes

A decisión tomada pola Agrupación foi comunicada este mediodía á alcaldesa e ao Partido socialista de Redondela. A formación “co fin de xestionar axeitadamente os proxectos iniciados”, avanza que o abandono do goberno será efectivo a 31 de agosto, “para dar tempo a ir pasando as competencias de Medio Ambiente, Cultura, Turismo, Novas Tecnoloxías, Transparencia e Participación Cidadá de xeito ordenado aos concelleiros do PsdeG-PSOE”, explican na nota. Deste xeito pretenden evitar que os novos responsables destas área “se atopen na situación na que nos atopamos nós cando chegamos nós ao goberno, cunha ausencia absoluta de información previa dos traballos realizados polo PP con anterioridade”. AER comprométese a “pasar toda a información, documentación e contactos que se necesiten para que o cambio non sexa traumático”. Transcorrido este prazo, AER pasará a forma parte da oposición “a todos os efectos”, desde onde anuncian que “seguirán traballando como ata agora para construír un municipio mellor”. Advirten que para iso “quizais sexa necesario cambiar o equipo de goberno que quede tras de nós”. Amosan o seu agradecemento ao funcionariado, á veciñanza e aos colectivos cos que colaborou no Concello, e lamentan “que o estilo personalista de Digna Rivas imposibilite seguir traballando a prol dos redondeláns cos criterios e principios da Agrupación”.

Asemblea o mércores 4 de agosto

A Agrupación de electores ten convocada unha asemblea aberta para o vindeiro mércores 4 de agosto, ás 20.00 horas, para transmitir á veciñanza a situación na que se atopan, as diferentes opcións que se puideran dar “e escoitar as opinións que os asistentes teñan ao respecto”. Será no Multiusos da Xunqueira, cumprindo os protocolos Covid.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará