Os concertos para despedir o verán serán o venres 27 de agosto en Chapela, co grupo América, e o sábado 28 en Redondela con Broken Peach e Mitic o Espectáculo.
Redondela sempre foi un referente cultural na bisbarra, e malia as restricións obrigadas por mor da pandemia da Covid, este verán volverá selo. A alcaldesa e concelleira de Eventos, Digna Rivas, sinalou que malia non poder celebrar o Entroido de Verán por mor da situación sanitaria, Redondela vai despedir o verán con varios concertos. Serán o día 27 de agosto en Chapela e o 28 en Redondela. No paseo marítimo de Chapela actuará o grupo América, e no recinto da feira de Redondela porán a música Broken Peach e Mitic o Espectáculo. Rivas explicou que con estes eventos Redondela recupera parte da programación prevista para o ano pasado e que tivo que cancelarse por mor da pandemia. Os concertos, con entrada de balde, serán con aforo limitado “e seguindo todas as normas sanitarias e protocolos de seguridade”.
O grupo América, que conta entre os seus compoñentes con varios redondeláns, actuará ás 22.00 horas no paseo marítimo de Chapela. Interpretarán clásicos do rock, pop e heavy metal de todos os tempos. O sábado 28 o espectáculo estará en Redondela co grupo vigués Broken Peach, ás 21.00 horas a banda de Soul&Rock mesturará música e espectáculo. Ás 22.30 será o concerto de Mitic. O seu director, o redondelán Álvaro Costas, sinala que a gaita é protagonista “pero co instrumento explorando novos límites”. Desde versións de Queen ata música clásica, pasando por composicións de Ennio Morricone ou o pop dos Beatles para contar “a banda sonora da túa vida”.
Na presentación dos concertos os músicos agradeceron a aposta das administracións pola “cultura segura”, logo de ter que suspender ducias de eventos o ano pasado por mor da Covid. Costas reiterou que un concerto co aforo limitado e a distancia social “é máis seguro que estar nun supermercado ou no autobús”.
As entradas para os concertos dos días 27 e 28 son de balde, con aforo limitado. Poden recollerse a partir do sábado día 14 no Multiusos da Xunqueira. Unha parte do aforo reservarase para entregar o mesmo día da actuación nas entradas ao recinto. Obrigatorio o uso de máscara, distancia de seguridade e desinfección de mans na entrada.