Hoxe é Xoves 28 de Marzo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

AER pide á Xunta que investigue unha posible infracción ambiental na limpeza da praia

AERpraia

A Agrupación de Electores de Redondela, que deixará o goberno de coalición o 31 de agosto, denuncia que os métodos de limpeza nas praias levados a cabo pola alcaldesa son “agresivos” e provocan “a destrución dun sistema dunar”.

A Agrupación de Electores de Redondela presentou no rexistro da Dirección de Cambio Climático da Xunta de Galicia un escrito no que solicita que a Consellería de Medio Ambiente investigue unha posible infracción medioambiental por parte da alcaldesa, Digna Rivas, polas actuacións de limpeza nos areais do municipio “con métodos agresivos”. AER fai referencia aos traballos de retirada de algas realizados o pasado mes de xullo na praia de Cesantes, litoral que pertence á Rede Natura 2000. No escrito AER adxunta un informe da técnico municipal de Educación e Control Ambiental do Concello de Redondela que afirma “que os métodos utilizados na praia de Cesantes supoñen a eliminación total de arribazón de algas nunha zona de especial protección”. No informe cualifícanse como “métodos agresivos” os levados a cabo, cunha “pala escavadora que recorreu todo o areal engadindo á extracción indiscriminada de algas, unha destrución do sistema intermareal no só a nivel estrutural senón tamén a nivel da fauna”. A consecuencia deste sistema de limpeza tamén se perde “gran cantidade de area que xa non se recupera”. AER lembra que a enseada de San Simón debe estar protexida ante este tipo de actuacións, que producen a “destrución” do ecosistema intermareal, así como a “interrupción da cadea trófica” e a “extinción de fauna necesaria”.

Tamén alertou doutras consecuencias, mesmo económicas, para o Concello de Redondela, e da “perda de confianza” de entidades como a Universidade de Vigo “ao romper o traballo de colaboración” iniciado coa institución, a Confraría de Pescadores, ou o Ministerio de Transición Ecolóxica.

A xestión da limpeza das praias rompe o pacto de goberno

Esta denuncia é un episodio máis no enfrontamento entre o grupo socialista e AER, ata agora socios no bipartito local. Foron precisamente as diferencias de criterio na xestión da limpeza das praias o detonante da ruptura do goberno de coalición. O concelleiro de Medio Ambiente, Roberto Villar (AER) apostaba por unha limpeza “selectiva e respectuosa co medio” cunha retirada “parcial” das algas. A mediados de xullo a alcaldesa, Digna Rivas, decidiu retirar as competencias nesta materia a Villar, e a concellería de Medio Mariño do socialista Nacho González fíxose cargo da limpeza das praias e a retirada de algas. Rivas xustificou a decisión “polas numerosas queixas dos veciños debido á existencia de gran cantidade de algas nos areais”. AER pediu entón a dimisión de Rivas polo que consideran “unha ruptura unilateral do pacto de goberno”. Ante a negativa do PSdeG a esta esixencia a Agrupación de Electores anunciou que dexará o goberno a final deste mes e pasará a forman parte da oposición en setembro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará