Hoxe é Xoves 25 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os veciños de Chapela reclaman a retirada “inmediata” das cabinas de peaxe

Cabina de peaxe entre Chapela e Vigo

O anuncio do goberno central de que as rebaixas na AP9, incluída a gratuidade do tramo de Redondela, estean condicionadas ao uso do telepeaxe, non sentou ben entre a cidadanía. As asociacións veciñais de Teis e Chapela reclaman ao Ministerio de Transportes que se elimine a peaxe entre Redondela e Vigo “de forma inmediata” e que retire as cabinas de cobro. O presidente da asociación de Chapela sinala que o anuncio do goberno é algo “inédito”, que non acontece noutros puntos onde se eliminaron as peaxes, como é o caso do Morrazo ou outras circunvalacións. Para Marcial Pérez non ten sentido que para os camións o tramo sexa de balde, sen necesidade de usar o telepeaxe, “e que aos turismos se lles obrigue a ter o dispositivo OBE”

Marcial Pérez, presidente da Asociación de Veciños de Chapela

Os colectivos veciñais seguen á espera dunha xuntanza solicitada co delegado do goberno, para a que aínda non teñen resposta. O seu obxectivo é demandar ao representante do executivo “prazos e proxectos concretos” para todas as obras comprometidas pola ampliación da AP9. Seguen tamén á espera da instalación de pantallas acústicas para minimizar o ruído do tráfico da autoestrada. A reposición de camiños que foron “esnaquizados” coas obras de ampliación, as obras de humanización na parroquia e a ampliación da ponte de Trasmañó son outros dos compromisos para os que aínda non hai orzamentos nin data de execución.

O colectivo demanda prazos concretos para as obras de resposición e a instalación de pantallas acústicas

Outra demanda do colectivo veciñal é a apertura dunha saída da AP9 na Fonte da Fraga “que xa se utilizou durante as obras de ampliación da autoestrada”. Pérez explica que se traga dunha obra “sen complicacións técnicas nin económicas”, e que serviría para aliviar o tráfico pesado do centro urbano de Chapela. Os veciños advirten que tan só sería necesario facer unha rotonda na avenida de Redondela, e o tráfico procedente do Morrazo ou Pontevedra que se dirixe á zona industrial podería saír sen atravesar o centro da parroquia.

Os veciños reclaman que se abra unha saída da AP9 na Fonte da Fraga para eliminar o tráfico pesado do centro de Chapela

O PP cualifica de “fraude” que se limite o desconto aos usuarios do telepeaxe

“Os redondeláns esiximos os mesmos dereitos e o mesmo trato que os veciños do Morrazo”. Son as declaracións da voceira municipal do Partido Popular, Carmen Amoedo, para rexeitar que sexa necesario dispor do dispositivo OBE, de telepeaxe, unha vez que se suprima a peaxe entre Redondela e Vigo. Amoedo apunta a que o Goberno “ten que retirar as cabinas” e cualifica de “engano e fraude” que se obrigue á veciñanza a ter un aparello no coche para circular ata Vigo. Desde o PP anuncian que iniciarán medidas “de protesta e de presión” para que se eliminen as cabinas da peaxe de Rande e que o tramo da AP9 Redondela-Vigo sexa “completamente gratuíto”.

O deputado Néstor Rego falará en Redondela da situación da AP9

Mañá venres, 16 de xullo, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, participa nun acto público na Alameda Castelao, a partires das 20 horas. Rego abordará tamén a recente decisión do goberno do Estado de limitar a eliminación da peaxe de Rande aos usuarios do telepeaxe. Dende a organización local “amósanse en contra desta decisión de manter o cobro, que segue a ser un obstáculo para a mobilidade entre Redondela e Vigo”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará