Hoxe é Luns 2 de Agosto de 2021

Redondela dá un paso máis para converter as casas dos mestres nun museo

dav

Hai unha semana o Ministerio de Facenda fixo oficial a cesión ao Concello de Redondela do edificio situado na avenida Mendiño, coñecido como as antigas casas dos mestres. Deste xeito o inmoble pasa a formar parte do inventario municipal, trámite necesario para poñer en marcha a o proxecto do Museo Etnográfico. Para iniciar os trámites era tamén necesario cambiar a catalogación desta parcela, dun uso educacional a uso cultural. No pleno extraordinario celebrado o martes a corporación por unanimidade aprobou este cambio de catalogación. Trátase do primeiro paso para a reconversión do inmoble nun museo etnográfico e espazo cultural polivalente

Desde o BNG, o voceiro Xoán Carlos González, apoiou o cambio de uso e confiou en que o proxecto museístico “sexa consensuado con colectivos culturais e sociais”.

Xoán Carlos González, voceiro do BNG

Por parte da Agrupación de Electores foi o concelleiro de Cultura, Daniel Boullosa, o encargado de manifestar o apoio da formación neste asunto. Para Boullosa este proxecto debería ser “un exemplo de unidade” de todos os grupos, xa que se trata dunha demanda histórica de asociacións e colectivos.

Daniel Boullosa, concelleiro de AER e responsable de Cultura no Concello

Tamén o grupo popular apoiou o cambio de uso desta parcela, se ben a concelleira Carmen Amoedo solicitou a creación dunha comisión coa participación de todos os grupos políticos para elaborar o proxecto, que contará con fondos europeos.

Carmen Amoedo, voceira do PP

A voceira socialista María Castro, concelleira de Urbanismo, explicou que quedan 18 meses para realizar o proxecto de rehabilitación do edificio, en paralelo co proxecto museístico. Anunciou que se fará unha comisión na que participarán colectivos e asociacións “porque foi o seu empeño o que fixo posible este proxecto”

María Castro, voceira do grupo socialista e concelleira de Urbanismo

O Concello poderá xa comezar a recuperación do edificio para dar resposta a unha “reivindicación histórica dos colectivos culturais para a creación dun museo etnográfico que recolla a cultura popular de Redondela e evitar que se perda no tempo”. A primeira actuación a realizar será a rehabilitación integral do inmoble para crear un espazo polivalente na planta baixa, na que quedaría instalado un espazo de museo, con salas de exposición –tanto permanentes coma temporais–, sala de interpretación e espazo para un taller que permita a realización de actividades creativas.

Castro explicou tamén que este era o único uso posible que se podía dar o inmoble ao quedar descartado o seu uso para vivendas sociais. Ao estar situado en zona de dominio marítimo terrestre non se permiso o uso residencial. Por outra banda, ao ser o edifico de titularidade de Patrimonio do Estado non se permite a súa cesión a terceiros por parte do Concello.

Share on facebook
Facebook
Share on twitter
Twitter
Share on linkedin
LinkedIn
Share on pinterest
Pinterest
Share on whatsapp
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *