Hoxe é Martes 23 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Medio Ambiente denuncia no Consello de Contas “irregularidades” en obras de saneamento desde 2010

Foto Expo Roberto Villar_1

Medio Ambiente instalou uns paneis que explican a parte pública e privada dunha rede de saneamento

As “anomalías” foron detectadas durante a execución da obra de saneamento no lugar do Campiño, en Porto Cabeiro.

O concelleiro de Medio Ambiente de Redondela, Roberto Villar, presentou unha denuncia ante o Consello de Contas de Galicia para solicitar a comprobación “de posibles anomalías na xestión de fondos públicos destinados a obras de saneamento realizadas polo anterior equipo de goberno de Redondela”. Na documentación presentada ao órgano competente dáse conta de diferentes actuacións irregulares, desde o ano 2010 “que deixan ver que na maioría das obras de saneamento executadas, incluíanse as acometidas de particulares dentro do importe de contratación municipal, sufragadas pola administración, cando lles correspondía asumir os custes aos propietarios dos inmobles afectados”, sinala Villar. O concelleiro denuncia que varias das vivendas nas que se realizaron as acometidas “nin sequera estaban dadas de alta na rede de saneamento municipal e non estaban ao corrente do pagamento polo servizo de saneamento”. Villar afirma que é necesario “fiscalizar os procedemos desde 2010, depurar as responsabilidades correspondentes e regularizar a situación actual do subministro de saneamento e abastecemento de auga do Concello de Redondela”.

As irregularidades foron detectadas polo departamento de Medio Ambiente durante a execución da obra de saneamento no lugar do Campiño, Porto Cabeiro do Plan Concellos 2018-2019. Neste servizo detectouse que o proxecto técnico incluía 39 acometidas particulares no importe de execución do contrato, “cando o regulamento municipal establece que as novas acometidas deben correr por conta do abonado”. Á vista da situación paralizáronse as obras e a Secretaría do Concello emitiu un informe confirmando que a execución das 39 acometidas “non lle corresponde a administración municipal senón aos propietarios dos inmobles afectados”. A raíz destes feitos, a concellaría procedeu a revisar e regularizar os procedemos de saneamento en curso e tamén os futuros, para detectar posibles irregularidades, chegando a conclusión de que na maioría das obras executadas en anos anteriores “presentábanse as mesmas irregularidades”. Ante esta situación, e para que todo aquel que teña dúbidas poida consultalo de forma sinxela, o departamento de Medio Ambiente instalou no exterior do Multiusos uns paneis que explican a parte pública e privada dunha rede de saneamento.

O BNG demanda o remate do saneamento de Cabeiro con inversión municipal

O grupo municipal do BNG esixe ao goberno local que se cumpra o acordo plenario sobre o saneamento de Cabeiro. O voceiro Xoán Carlos González reclama, “vontade política” para rematar unhas obras paralizadas dende hai meses. A decisión do goberno local de non asumir as acometidas que estaban contempladas no proxecto levou ao BNG a presentar unha moción no pleno do mes de xuño. As obras de saneamento na zona do Campiño, cunha inversión de 152.000 euros, deixaron preto de 40 vivendas sen conectarse á rede. Para facelo deben abonar uns 800 euros que se sumarían aos 1.200 de tarifa de conexión, ademais das obras particulares dentro de cada vivenda. Na moción o BNG demandaba que o goberno local costease esta obra. PSOE e AER rexeitaron a proposta por estar “fóra da legalidade”, mentres que o PP apoiou a moción do BNG, que resultou aprobada. González pretende agora que que o acordo “se faga efectivo”. O edil do Bloque sinala que este acordo pode afectar tamén ás conexións de futuros Proxectos de saneamento que se van realizar como o do Camiño da Costa, en Chapela, ou no Lugar de Albagueira, en Trasmañó.

O BNG demanda que o Concello asuma o custe das acometidas das vivendas
Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará