Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Soutomaior reserva cartos para o novo ambulatorio e melloras no camiño de Santiago

pleno modificación crédito

O pleno municipal de Soutomaior aprobou no pleno deste mes unha modificación orzamentaria de 1.370.000 euros para afrontar varias melloras no municipio. As actuacións previstas abarcan diversos melloras en infraestruturas, investimentos ambientais e de eficiencia enerxética, e a creación de novas axudas. A modificación financiarase co remanente de caixa acumulado. O goberno local reserva unha partida de 110.000 euros para mercar os terreos onde se proxecta o novo centro de saúde, que o alcalde Agustín Reguera quere acelerar “todo o posible”. A partida máis elevada será para os traballos de humanización do Camiño de Santiago ao seu paso por Arcade, cun total de 400.000 euros, que incluirá un novo punto de información turística. Tamén destaca a reserva de 280.000 euros para a mellora de parques infantís no municipio, coa renovación total da zona de Talo Río, e tamén está prevista a actualización do skatepark do Peirao de Arcade, con 55.000 euros.

Do mesmo xeito, o goberno local reserva 50.000 euros para financiar dúas novas axudas: 30.000 euros para a compra de semente de ameixa por parte da confraría de Arcade, e 20.000 euros para un programa de axuda para a compra de equipos informáticos dirixido aos estudantes do municipio.

O BNG critica que o goberno local deixara sen executar 1,5 millóns de euros do ano pasado

O voceiro municipal do BNG lamentou que, malia a situación de pandemia que en 2020 supuxo graves problemas económicos para familias e comercio “o goberno local non executou máis de 1,5 millóns de euros”. Manu Lourenzo lembrou na sesión plenaria que durante a pandemia xurdiron “importantes necesidades para a veciñanza” pero o goberno de Agustín Reguera “deixou sen gastar 140.000 euros en asistencias social, 29.000 en medio ambiente, 100.000 previstos para o fomento do emprego, 30.000 en comercio e turismo e un total de 314.000 euros que debían ser destinados ao mantemento de camiños veciñais”. Desde o BNG criticaron que “despois de dous anos de parálise o goberno local vaia facer electoralismo acometendo todas as obras antes das eleccións municipais”.

Mellora da EDAR de Comboa

Ademais da aprobación da modificación orzamentaria, o pleno da corporación municipal tamén deu luz verde á mellora da depuradora de Comboa. A actuación ten un orzamento de 389.000 euros que serán asumidos na súa totalidade pola Xunta de Galicia. As obras permitirán adecuar a estación de augas residuais á nova normativa. Implementaranse dous sistemas de desodorización para evitar malos cheiros e a instalación dun novo pozo de decantación que aumentará a filtración de residuos sólidos e evitará atascos no circuíto de filtrado. Unha solución que non convence á oposición. Lourenzo lembrou que a veciñanza de Comboa “leva 20 anos aturando cheiros, mosquitos e verquidos”. Afirmou que “instalar a depurada no medio dos fogares foi unha irresponsabilidade de Agustín Reguera”, e advertiu que “por moito parche que queiran meter os problemas non se van resolver”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará