Hoxe é Venres 26 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Sés, Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre para celebrar o día de Galicia

sdr

Digna Rivas, no centro, e os concelleiros Marta Alonso e Alberto Álvarez na presentación dos actos

Redondela amplía o programa de actividades para o Día Nacional de Galicia con actos que se prolongan durante tres xornadas. Dous concertos “de alto nivel”, unha proxección de cine e o acto institucional servirán “para reafirmar a nosa identidade como pobo”, afirma a alcaldesa, Digna Rivas.

O Concello de Redondela presentou xa os actos que se desenvolverán dentro dun mes co gallo do Día Nacional de Galicia, o 25 de xullo. O programa, organizado pola Concellería de Normalización Lingüística, que dirixe a alcaldesa Digna Rivas celébrase baixo o lema “Terra… a nosa!”. O goberno local amplía a programación con tres días de actividades “para reforzar e reafirmar o orgullo de ser galegos e galegas, de poñer en valor a nosa cultura, a nosa lingua e a nosa propia identidade como pobo” afirmou Rivas. A alcaldesa entende que esta celebración “non pode limitarse a un simple acto institucional”, e coa programación deste ano “Redondela demostra que é tamén un referente de galeguidade e pioneira na defensa e posta en valor da nosa lingua”.

Digna Rivas, alcaldesa e responsable da concellería de Normalización Lingüística de Redondela

Nos últimos anos o programa de actividades do Día de Galicia pasou, primeiro, de un a dous días de actividades incluíndo a Chapela como lugar de celebración, e neste 2021 pasar a celebrarse durante os días 23, 24 e 25 de xullo. A programación arranca o venres 23 de xullo cunha xornada de Cinema na Rúa. A alameda Castelao acolle a proxección de Cuñados, un filme de Toño López con Xosé Touriñán e Miguel de Lira. “Unha clara aposta polo noso cine, pola nosa cultura e pola nosa lingua”, sinala Rivas.

O día 24, ás 22 horas, o paseo marítimo de Chapela vestirase de gala para acoller o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre, un concerto que, tal e como lembraba Digna Rivas, o pasado ano tivo que ser suspendido pola COVID-19 e que este ano será unha realidade.

O día 24 de xullo celebrarase o concerto de Xabier Díaz e Adufeiras do Salitre no paseo marítimo de Chapela

O día 25 de xullo, Día Nacional de Galicia, ás 20 horas e na Alameda Castelao, terá lugar o acto institucional no que, adiantou a rexedora local, terán protagonismo os cativos e cativas do campamento de conciliación. A participación de nenos e nenas neste acto é considerada “fundamental dende o convencemento deste Goberno que é preciso sementar a nosa identidade de galegos e galegas e o orgullo que iso supón, dende as idades temperás”. A xornada do día grande de Galicia pecharase co concerto de Sés, “cantante de renome e muller comprometida co feminismo, a tradición, e a lingua galega”.

O concerto de Sés será o día 25 de xullo no campo da feira de Redondela

A alcaldesa expresou a súa satisfacción polo feito de que, ano tras ano, “a veciñanza de Redondela participe cada vez máis nesta xornada, e se reúna para para celebrar o acto institucional con nós”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará